Inicio Carballo ao día Novas O sábado 27 de marzo celebramos o...

O sábado 27 de marzo celebramos o Día Forestal Mundial cunha plantación de carballos no polígono industrial de Bértoa

O Concello de Carballo tamén colaborará o domingo coa asociación Senda Nova achegando 50 carballos autóctonos en macetas biodegradables

Venres 26 de marzo do 2021

Evencio Ferrero, cun dos carballos que se repartirán o domingo na feira

Evencio Ferrero, cun dos carballos que se repartirán o domingo na feira

Carballo celebra esta fin de semana o Día Forestal Mundial con dúas actividades diferentes pero que teñen os mesmos obxectivos, e un deles é seguir repoboando o noso concello coa árbore que nos dá nome e nos identifica.

Este sábado 27 levaremos a cabo unha actividade que a pandemia nos obrigou a adiar o ano pasado. Coincidindo co Día Forestal Mundial do 2018, un grupo de nenos e nenas plantaron cadansúa landra nunha actividade que se desenvolveu no Horto Infantil Ecolóxico Municipal, ao que regresaron ao ano seguinte para recibir o título de madriñas e padriños dos carballiños nados desas landras. Agora xa están a punto para pasar das macetas á terra, e iso é o que farán nunha gran parcela do polígono de Bértoa un total de 48 nenos e nenas, que poderán ir acompañados como máximo por dous familiares. Haberá tres quendas, a partir das 11.30 horas, cada 45 minutos, para evitar que os grupos sexan moi numerosos, e a plantación organizarase de tal xeito que se garanta o distanciamento entre as distintas familias.

O domingo 28, dende o Concello de Carballo tamén colaboramos nas actividades organizadas pola Asociación Ambiental Senda Nova para conmemorar o Día Forestal Mundial, achegando un total de 50 carballos autóctonos que serán entregados na feira nunhas macetas moi orixinais e biodegradables, como a que amosa o alcalde, Evencio Ferrero, e que poden plantarse directamente na terra.

Compartir: