Inicio Carballo ao día Novas Asinado o convenio entre Augas de Galicia e o...

Asinado o convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para reducir o risco de inundación no río Anllóns

Evencio Ferrero e outros membros da corporación participaron nunha xuntanza informativa por videoconferencia coa conselleira Ethel Vázquez

Venres 15 de xaneiro do 2021

Actuacións previstas

Actuacións previstas

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinaron hoxe telematicamente o convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo para reducir o risco de inundación no río Anllóns. Posteriormente celebrouse unha sesión informativa na que tamén participaron outros membros da corporación, tanto do goberno coma da oposición, e técnicos municipais e autonómicos.

A conselleira expresou a súa preocupación polas consecuencias do cambio climático nas canles fluviais e aludiu á importancia de tomar as medidas que permitan evitar as enchentes. O convenio co Concello de Carballo, o primeiro dos previstos en Galicia, inclúe cinco actuacións con tres tipos de medidas que permitirán paliar o problema, e coas que se aposta tamén, dende unha perspectiva medioambiental, “pola naturalización do río”, en palabras de Ethel Vázquez.

O investimento acada os 3 millóns de euros, co-financiados nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), para desenvolver as seguintes actuacións:

  • Demolición deedificación, reforma da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol.
  • Reforma integral do parque do San Martiño. Construcións de motas de protección fronte ás avenidas.
  • Reforma da ponte da Casilla, da canle e motas de contención augas abaixo da ponte,así coma a demolición doutro edificio.
  • Mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na Cepeira (Sísamo).
  • Realización dun bypass no Muíño do Quinto.

O alcalde, na xuntanza telemática de hoxe

O alcalde, na xuntanza telemática de hoxe

A última está en fase de redacción do proxecto, e prevese que en breve se licite tamén a redacción da actuación na Cepeira. As outras tres actuacións son “máis complexas e vaise convocar un concurso aberto para redactar os proxectos”, explicou a conselleira. A idea é telos todos este ano, xa que as obras deben estar executadas a finais do 2023.

Segundo o convenio, a Xunta elabora os proxectos e encárgase da execución das obras, mentres que o Concello debe poñer a disposición os terreos. Neste sentido xa foi adquirido hai anos o edificio da rúa Sol que será derribado e tamén se mercará outro na zona da ponte da Casilla que suporá un desembolso moi importante para as arcas municipais.

O alcalde lembrou os devastadores efectos das tres grandes inundacións que sufriu Carballo nos últimos anos: o 5 de xaneiro de 1988, o 8 de marzo de 1999 e o 30 de marzo do 2016, e insistiu en que todas as medidas que contribúan a evitar este tipo de situacións de risco son benvidas. Por iso, o convenio asinado hoxe é “unha moi boa nova”, declarou Evencio Ferrero.

Compartir: