Inicio Carballo ao día Novas Os servizos de emerxencias atenderon hoxe...

Os servizos de emerxencias atenderon hoxe máis de 100 avisos de incidencias provocadas polo xeo

Aínda que non existe ningunha alerta meteorolóxica para Carballo, nin para hoxe nin para mañá, o servizo de limpeza viaria colaborará con Protección Civil para espallar sal polas rúas

Xoves 7 de xaneiro do 2021

Protección Civil bota sal esta mesma noite nas contornas dos centros escolares

Protección Civil bota sal esta mesma noite nas contornas dos centros escolares

As fortes xeadas da noite pasada colléronnos por sorpresa, xa que por parte dos servizos meteorolóxicos non estaba decretada ningunha alerta para o noso concello e as xeadas foron moito máis intensas do que cabería esperar polas temperaturas rexistradas. “En máis de trinta anos que levo de servizo, nunca vira unha xeada coma esta”, asegurou o coordinador de Protección Civil. Ás 06.00 horas activouse un dispositivo do Servizo Municipal de Protección Civil para atender as primeiras incidencias, que se converteron en máis dun cento ao longo da mañá.

Un dos puntos máis conflitivos foi a estrada de Ordes, onde o tráfico estivo interrompido durante máis de tres horas, e tamén houbo moitos problemas en Bértoa. En zonas como A Milagrosa, onde sa se espallou sal de madrugada, a foi preciso repetir a operación horas despois, xa que coas choivas das 07.00 horas desapareceu por completo. Protección Civil contabilizou 32 accidentes de tráfico e houbo moitísimas caídas de viandantes, que en varios casos precisaron atención médica.

Aínda que Meteogalicia anuncia un ascenso das temperaturas para a vindeira noite no noso concello, dada a situación imprevista de hoxe, as concellarías de Servizos e Seguridade decidiron reforzar as medidas de prevención. Estas son as máis importantes:

  • Continuarase co espallamento de sal nos puntos que o requiran. Esta noite estase xa a traballar en zonas como as contornas dos centros escolares. Ademais, coa colaboración do persoal de limpeza viaria tamén se botará sal ao longo do percorrido do servizo.
  • Os parques infantís estarán pechados a partir de última hora da tarde de hoxe.
  • Recoméndase non saír da casa se non é preciso. No caso de ter que facelo, as persoas que se despracen a pé deben evitar as zonas sombrías e as rúas con pendente.
  • Ante calquera situación de emerxencia debe chamarse ao teléfono 112.

Ligazóns

Compartir: