Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado de xeito inicial o novo catálogo...

Aprobado de xeito inicial o novo catálogo de hórreos do PXOM, no que, tras un exhaustivo traballo de campo, figuran 1.052

A corporación municipal celebrou este luns, de maneira telemática, a última sesión plenaria do ano

Martes 29 de decembro do 2020 Carballo ao día

O pleno celebrouse de xeito telemático

O pleno celebrouse de xeito telemático

No último pleno do ano, celebrado este luns 28 de decembro, a corporación municipal de Carballo aprobou de xeito inicial unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que supón a actualización do catálogo de hórreos para incorporar ao mesmo unicamente aqueles elementos que respondan con exactitude á definición de patrimonio etnolóxico establecida na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e establecer o grao de protección que corresponda en cada caso, regulando, en consecuencia, as obras que se poden realizar.

Tras un exhaustivo traballo de campo realizado polo equipo técnico encargado da revisión, o catálogo queda conformado por 1.052 hórreos que terán categoría ou de bens catalogados ou de bens de interese cultural. Con respecto ao catálogo que figuraba no PXOM quedan excluídos 1.059 que ou ben non responden á definición do hórreo ou ben xa non existen.

No noso concello foron identificados 9 tipos de hórreos, repartidos en catro categorías:

  • Hórreos de madeira: tipos “Mariñán” e “Bergantiñán”.
  • Hórreos de pedra e madeira: tipos “Carral”, “Carballo” e “Mahía”.
  • Hórreos de pedra: tipos “San Pedro de Visma”, “Coristanco” e “Fisterra”.
  • Hórreos de ladrillo ou cemento: tipo “Carballo”.

O novo catálogo inclúe unha ficha de cada un dos 1.052 hórreos, na que figuran o lugar e a parroquia na que están situados, a localización con coordenadas e a referencia catastral. Ademais inclúense unha fotografía do hórreo, a descrición arquitectónica, as características normativas, o tipo de protección e incluso as determinacións para a súa conservación. A ficha complétase cun plano da delimitación do ámbito de protección.

Tras a aprobación inicial por parte do pleno, coas abstencións dos dous concelleiros de Terra Galega, o expediente correspondente á modificación puntual número 5 do PXOM será sometido a información pública durante dous meses para que as persoas interesadas poidan formular as alegacións que consideren. Tamén se trasladará aos organismos que deben emitir informes previos á aprobación definitiva.

No pleno do luns, que se celebrou de xeito telemático, tamén foron aprobadas, neste caso por unanimidade, dúas novas bonificacións de impostos a empresas do polígono industrial de Bértoa: unha do 80% e outra do 95% a cadanseu establecemento do sector de automoción. O último asunto de debate foi a aprobación da conta xeral do 2019, con 12 votos a favor e 9 abstencións.

No apartado de rogos e preguntas, TeGa interesouse por diversos temas, dende a tarxeta Sempre Carballo ata distintos expedientes sancionadores.

Compartir: