Inicio Carballo ao día Novas A rede de aparcamentos para bicicletas segue...

A rede de aparcamentos para bicicletas segue medrando con oito novos aparcabicis en rúas e colexios

A Semana Europea da Mobilidade rematou coa sinalización dunha das rutas do pedibús

Martes 22 de setembro do 2020

Pintado da ruta do pedibús

Pintado da ruta do pedibús

Este ano non puidemos celebrar a tradicional merenda para os nenos e as nenas do pedibús, pero non quixemos rematar as actividades da Semana Europea da Mobilidade sen contar con eles e elas. Por iso, armados con botes de spray e unha “plantilla” do Camiño Escolar, saímos á rúa para sinalizar unha das rutas que leva ao CEIP Fogar.

Do mesmo xeito que afecta á actividade cotiá nos centros educativos, a COVID-19 tamén está a influír no pedibús neste comezo de curso, pero nos vindeiros días faremos unha campaña informativa para animar aos nenos e nenas (e ás súas familias) a ir a pé ao cole e a facelo organizadamente, coas medidas de prevención necesarias, polos camiños escolares que levan aos catro centros públicos urbanos.

A instalación dos aparcabicis empezou no mercado

A instalación dos aparcabicis empezou no mercado

Dende a Concellaría de Mobilidade queremos promover unha mobilidade máis sostible e segura nas contornas dos coles, e por iso tamén escollemos as zonas escolares para instalar catro dos oito novos aparcabicis que empezou a colocar hoxe a Brigada Municipal de Obras. Situaranse os CEIP A Cristina, Bergantiños (2) e preto do San Luís Romero, pero tamén na entrada do Mercado Municipal dende a Praza do Concello (na imaxe), e nas rúas Concepción Arenal, Barcelona e Fomento.

Nestes momentos contamos en Carballo con máis de 40 aparcabicis, na súa maioría no exterior de edificios públicos, e cada vez en máis rúas. E dentro do proxecto Cicl-Ando, que ten en licitación xa varias das actuacións previstas, tamén se inclúe a creación dunha rede de aparcamentos seguros para bicicletas.

Se te moves en bici, lembra!

  • Utiliza a calzada. As bicis non poden circular por beirarrúas, prazas e rúas peonís, agás no caso dos menores de 12 anos, que deben ir sempre acompañados dunha persoa adulta a pé.
  • Móvete no sentido da circulación, nunca en dirección prohibida.
  • Circula polo lado dereito, pero sen pegarte aos vehículos aparcados: as bicis en Carballo poden circular polo centro do carril.
  • Lembra que non podes utilizar auriculares nin o teléfono móbil.
  • O casco é de uso obrigatorio para os menores de 16 anos e para todo o mundo nas vías interurbanas, pero recomendámosche que o utilices sempre.
  • Respecta a sinalización vertical e horizontal.
  • Sinaliza os cambios de dirección.     
  • Non aparques impedindo a circulación dos peóns
Nas rúas de Carballo cabemos tod@s!

O novo aparcabicis está situado xunto á entrada da praza

O novo aparcabicis do Mercado está situado xunto á entrada da praza

Compartir: