Inicio Carballo ao día Novas Aberto do 17 ao 21 de setembro o prazo de...

Aberto do 17 ao 21 de setembro o prazo de preinscrición para as prazas vacantes en 2º de Iniciación Musical

Unha vez rematado o período de matrícula para o alumnado que cursou 1º o ano pasado quedan dispoñibles sete prazas

Mércores 16 de setembro do 2020 Educación Conservatorio

Do 17 ao 21 de setembro estará aberto o prazo de preinscrición para as prazas que quedaron vacantes en 2º curso de Iniciación Musical unha vez rematado o período de matrícula para o alumnado que cursou 1º o ano pasado. O Conservatorio Profesional de Música (CMUS) ofrece 7 prazas para nenos e nenas que cumpran sete anos neste 2020. A adxudicación farase por orde do número de rexistro (presencial ou telemático) e dando preferencia aos empadroados no noso concello. Os estudantes que obteñan praza deberán formalizar a matrícula entre o 22 e o 24 deste mes.

Como medida de prevención fronte á COVID-19, este ano non se impartirá 1º curso de Iniciación Musical. En 2º contaremos cun máximo de 30 nenos e nenas, divididos en grupos de 15.

As clases serán os martes e os xoves, de 17.30 a 18.15 para o grupo 1 e de 18.15 a 19.00 horas para o grupo 2. As persoas que precisen máis información poden chamar por teléfono ao número 981 704 300.

Iniciación Musical ten como obxectivo achegar aos máis cativos á música e ao descubrimento das familias instrumentais, de xeito que cando poidan acceder aos estudos musicais oficiais teñan unha pequena base musical e un coñecemento das distintas ferramentas musicais que lles facilite a elección do instrumento que poidan estudar.

Descargas

Compartir: