Inicio Carballo ao día Novas Arranca o proceso de contratación da...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Arranca o proceso de contratación da primeira fase da reforma do Mercado Municipal de cara ás novas concesións

O Concello conta cunha subvención do Feader, a través de Agader, por importe de 50.000 euros para a execución do proxecto, que acada os 200.000

Martes 15 de setembro do 2020 Mercado Municipal

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa última xuntanza o inicio do expediente de contratación da primeira fase do proxecto de reforma do Mercado Municipal, consecuencia do estudo elaborado o ano pasado coa finalidade de revitalizar a tradicional praza de abastos de acordo coas demandas da sociedade actual e de buscar usos alternativos de cara ás novas concesións, xa que a maioría das existentes están xa caducadas.

O proxecto completo acada os 305.000 euros: 204.118,68 para a reforma interior do edificio e 101.068,12 para a instalación dun ascensor, que se acometerá nunha segunda fase.

O obxectivo das obras que se acometerán nos vindeiros meses, e que contan cunha subvención do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a través de Agader, por importe de 50.000 euros, é adaptar as instalacións aos parámetros que definen a excelencia deste tipo de servizos neste momento e que poden contribuír á revitalización do mercado.

Con esa finalidade darase resposta, por unha banda, ás demandas dos actuais concesionarios sobre redistribución dos postos, cambio do pavimento da sala de vendas ou reorganización dos almacéns do semisoto para darlles acceso directo dende o garaxe facilitando así o seu uso. Así mesmo, procederase á reordenación dos postos exteriores para crear novos servizos, como conserxería, sala de lactancia ou sala de formación.

O obxectivo das obras que se acometerán nos vindeiros meses é adaptar as instalacións aos parámetros que definen a excelencia deste tipo de servizos neste momento e que poden contribuír á revitalización do mercado

Máis en detalle, as panadarías e a queixería cambiarán de situación coas froiterías, o que permitirá crear tamén novos postos para a comercialización de produtos locais. Ampliaranse tres carnizarías e unha peixería, e crearase unha nova zona de degustación vinculada a un novo establecemento de hostalaría. En canto aos postos exteriores, unificaranse dous do vestíbulo e daráselle acceso directo dende a rúa Gran Vía. Nesa zona tamén se crearán a conserxería-punto de información e unha sala de lactancia. Así mesmo, agrúpanse dous postos da rúa Cervantes para crear unha nova sala de usos múltiples. O soto reformarase para crear catro almacéns con acceso directo ao garaxe. Nesta fase tamén se cambiará todo o pavimento.

Na segunda fase, que non está incluída no contrato actual, instalaríase un ascensor panorámico de 12 prazas para facilitar o acceso dende a Praza do Concello e modificaríase a escaleira.

Nestes momentos o Mercado Municipal ten un índice de ocupación do 50% (4 carnizarías, 6 peixarías, 1 froitería, 3 panadarías, 1 florería, 1 bar, 1 queixería e 2 tendas non alimentarias) e unha oferta baseada na calidade e nos produtos de proximidade, dúas características que xogan ao noso favor, xunto coas feiras e mercados dos xoves e domingos, e que queremos aproveitar para relanzar a praza con este novo proxecto.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou facturas por un importe de 39.399,02 euros e sete licenzas urbanísticas, entre elas unha para a construción dunha nave industrial destinada a panadaría e pastelaría no polígono de Bértoa.

Fóra da orde do día saíu adiante un convenio de colaboración entre o Concello e Cáritas Parroquial de Carballo para o mantemento do centro de día Fogar de Bergantiños, situado en Berdillo, cunha partida de 15.000 euros procedente das arcas municipais.

Compartir: