Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Galicia establece novas...

A Xunta de Galicia establece novas restricións no noso concello como medida de prevención fronte á COVID-19

As medidas, publicadas no Diario Oficial de Galicia esta mesma noite, entran en vigor a partir das 00:00 horas

Mércores 2 de setembro do 2020

O conselleiro de Sanidade anunciou hoxe a decisión de establecer novas restricións en varios concellos, entre eles o de Carballo, como medida de prevención fronte á COVID-19. As novas medidas, que veñen de ser publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), entrarán en vigor ás 00:00 horas.

As máis relevantes son as seguintes, aínda que atoparedes a información completa no DOG, que pode descargarse ao final da nova:

  • Quedan prohibidas tanto as visitas ás residencias de maiores como as saídas dos/as usuarios/as.
  • Permanecerán pechados os centros de atención diurna a persoas maiores ou discapacitadas, así coma os centros ocupacionais, agás para terapias individuais a domicilio ou con cita previa. 
  • Recoméndase ás persoas maiores de 75 anos que eviten as concentracións.
  • Prohibidas as festas, verbenas, eventos populares e atraccións de feira.
  • Quedan limitadas a un máximo de 10 persoas as reunións en espazos privados ou na vía pública, agás para persoas convivintes. Esta limitación non afectará nos casos de actividades laborais e administrativas, actividades en centros educativos, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.
  • Os aforos en establecementos hostalaría quedan reducidos ao 50% tanto no interior coma nas terrazas, e non se permite o consumo na barra.
  • As celebracións en establecementos de hostalaría e restauración (vodas, etc...) axustaranse ás condicións e á capacidade previstas para a prestación do servizo nestes establecementos, e en calquera caso deberase respectar un máximo de 100 persoas en espazos ao aire libre ou de 50 persoas en espazos pechados.
  • Os locais de ocio nocturno permanecerán pechados.
  • Redúcense ao 50% os aforos nos establecementos comerciais, bibliotecas, cines, arquivos, salas de exposicións, museos, teatros ou centros de lecer infantil, entre outros.
  • A práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, e ata un máximo de dez persoas de forma simultánea..
  • Nos lugares de culto tampouco poderá superarse o 50% do aforo e non se poderán empregar nin o exterior dos edificios nin a vía pública para a celebración de actos relixiosos.
  • Nos velorios poderán reunirse un máximo de 10 persoas en espazos pechados e de 25 ao aire libre, e nos enterros poderá haber un máximo de 25 persoas.
  • As feiras non poderán superar o 50% dos postos habituais autorizados.

O Concello de Carballo convocará á comisión de seguimento que estivo activa durante todo o estado de alarma para establecer as medidas precisas e de forma coordinada coas distintas áreas e institucións implicadas.

Así mesmo, o departamento de Servizos Sociais continúa a canalizar as necesidades que poidan ter as persoas afectadas pola COVID-19 para poder ofrecerlles os medios humanos e materiais ao noso alcance, respectando en todo momento os protocolos de seguridade e a Lei de Protección de Datos. Neste sentido lembramos que a xestión da crise sanitaria e dos datos sobre casos activos son competencia exclusiva das autoridades sanitarias, que os ofrecen por áreas sanitarias, aínda que dende o Concello de Carballo continuamos insistindo para coñecer a cifra exacta de persoas afectadas no noso concello.

Pero sexan cales sexan eses datos, o que está claro é que a incidencia do coronavirus foi a máis nos últimos días, e nese sentido solicitamos a máxima colaboración da cidadanía respectando as medidas de prevención e as novas restricións como única fórmula coñecida para frear o avance da enfermidade.

Descargas

Compartir: