Inicio Carballo ao día Novas Adxudicadas por 217.650 euros as obras de...

Adxudicadas por 217.650 euros as obras de reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia

A mellora das infraestruturas viarias na zona urbana céntranse nestes momentos na reforma integral da rúa Bos Aires e na mellora da accesibilidade en distintos ámbitos

Martes 4 de agosto do 2020

No cruce das rúas Vila de Corcubión, Alfredo Brañas e avenida de Bergantiños construirase unha rotonda

No cruce das rúas Vila de Corcubión, Alfredo Brañas e avenida de Bergantiños construirase unha rotonda

Este verán arrincarán as obras de reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, que nos permitirán completar as infraestruturas viarias dunha zona altamente sensible en canto á seguridade viaria, posto que concentra unha gran afluencia de peóns arredor das instalacións educativas e deportivas existentes. Despois das actuacións de mellora da seguridade viaria realizadas no perímetro deses equipamentos, o obxectivo agora é estendelas a outras rúas do ámbito. O proxecto foi adxudicado esta semana na Xunta de Goberno Local á empresa Excavaciones y Obras Candal S.L. por 217.650,66 euros.

Na rúa Vila de Laxe actuarase en toda a súa lonxitude, cunha solución de plataforma única seguindo o modelo das rúas Ponte ou Xúpiter e facilitando a conexión entre as dúas prazas existentes a ámbalas marxes. As obras afectarán tamén á renovación ou ampliación dos servizos urbanísticos, xa que, por exemplo, a rede de auga é de fibrocemento, non hai canalizacións separadas para as augas pluviais e residuais e o abastecemento eléctrico realízase con cables acaroados ás fachadas.

A mellora dos servizos urbanos, solucionando as carencias e deficiencias dos existentes, é un dos obxectivos das obras nas tres rúas incluídas no proxecto. A reurbanización estenderase aos ramais das rúas Vila de Corcubión e Vila de Noia que comunican a mazá de equipamentos coa rúa Vila de Negreira, nos que se seguirá o modelo de aparcamentos da contorna, con céspede e árbores. Tamén se renovará o pavimento no treito de beirarrúa existente fronte ao edificio Eurovivienda, na rúa Vila de Corcubión, para igualado co resto do entorno.

No cruce das rúas Vila de Corcubión, Alfredo Brañas e avenida de Bergantiños construirase unha rotonda para facilitar a circulación rodada, aliviar o tráfico e unificar as aliñacións entre as rúas Vila de Corcubión e Alfredo Brañas. A glorieta terá un diámetro de 19,50 metros.

Actuacións en marcha

Evencio Ferrero e Luis Lamas, na rúa Bos Aires

Evencio Ferrero e Luis Lamas, na rúa Bos Aires

Nestes momentos temos en marcha tres actuacións orientadas a mellorar a accesibilidade e a seguridade na zona urbana. Por unha banda continúan as obras de eliminación de barreiras arquitectónicas en distintos puntos, que se realizan de xeito simultáneo á mellora da seguridade nos pasos de peóns. Por outra, avanzan os traballos de reurbanización da rúa Bos Aires, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. O investimento que está a realizar o Concello de Carballo nestes tres proxectos, que son executados pola empresa Vázquez y Reino, supera os 650.000 euros.

Compartir: