Inicio Carballo ao día Novas A aprobación definitiva do plan especial...

A aprobación definitiva do plan especial de dotacións despexa o camiño para a construción do centro social de Goiáns

O acordo foi adoptado por unanimidade nunha sesión plenaria que durou pouco máis de media hora

Martes 28 de xullo do 2020

Imaxe do pleno celebrado este luns

Imaxe do pleno celebrado este luns

Xa non hai obstáculos urbanísticos para que Goiáns teña o seu centro social e deixe de ser a única das 18 parroquias do noso concello que carece dun equipamento deste tipo. Por unanimidade, no pleno deste luns saíu adiante a aprobación definitiva do plan especial de infraestruturas e dotacións en solo rústico que fará posible a construción dun edificio no terreo elixido pola veciñanza.

O ámbito do plan está conformado por dúas parcelas situadas na zona coñecida coma O Chaquel, en Xoane, que suman 3.583 metros cadrados. Unha vez modificada a clasificación do terreo, o seguinte paso será a súa adquisición. O goberno municipal xa se puxo en contacto coa asociación de veciños de Goiáns para o inicio dos trámites, xa que, como se está a facer en todas as parroquias, o Concello de Carballo costeará o 50% e a veciñanza terá que financiar a outra metade. A Administración local tamén asumirá integramente a redacción do proxecto e súa execución.

Outros acordos

Na sesión, que durou pouco máis de media hora e da que escusou a súa ausencia a concelleira socialista María Torres, a corporación municipal tamén aprobou por unanimidade a exención da taxa por ocupación do solo público con terrazas de hostalaría para este ano 2020, polo que aqueles establecementos que xa a tivesen aboado poden solicitar a súa devolución.

Cos votos en contra de TeGa e as abstencións de PP e PSOE saíu adiante a modificación do cadro de persoal para a creación dunha praza de persoal eventual de responsable de comunicación. Por unanimidade aprobouse a compatibilidade solicitada por un oficial-tractorista para desenvolver unha segunda actividade no sector privado.

Tampouco houbo obxeccións ás bonificacións de impostos a tres empresas de nova implantación no polígono industrial de Bértoa, e que realizarán un investimento próximo ao millón de euros.

No apartado de rogos e preguntas deuse resposta ás formuladas por TeGa no pleno anterior, con petición expresa do alcalde para que, se desexan que sexan contestadas na mesma sesión, as entreguen con antelación.

Compartir: