Inicio Carballo ao día Novas As solicitudes de licenzas para naves industriais...

As solicitudes de licenzas para naves industriais acadaron no último trienio as cifras máis altas en vinte anos

A actividade urbanística ligada ao uso empresarial reduciuse lixeiramente no primeiro semestre do 2020 con respecto ao mesmo período do ano pasado a causa da COVID-19

Luns 27 de xullo do 2020

Nave en construción no polígono de Bértoa

Nave en construción no polígono de Bértoa

No primeiro semestre deste ano presentáronse a través do Rexistro Xeral do Concello de Carballo solicitudes de licenzas para a edificación de 11 vivendas unifamiliares. A cifra mantense en niveis semellantes aos do ano pasado, xa que en todo o 2019 foron tramitados 21 permisos. Pero se en vivendas seguimos en niveis baixos, en naves industriais ocorre todo o contrario, xa que dende o 2017 estamos nas cifras de licenzas máis altas en vinte anos.

No trienio 2017-2019 recibíronse solicitudes para a construción de 63 naves no parque empresarial de Bértoa (nos anos centrais do boom inmobiliario, 2005-2007, acadáranse as 55), e no primeiro semestre deste 2020, malia o estado de alarma, contabilizáronse 6. O nivel de ocupación do polígono supera con creces o 80%, e as parcelas que quedan son pequenas, o que imposibilita a implantación de grandes proxectos empresariais á espera de que por parte da Xunta de Galicia se desenvolva a anunciada ampliación. Para este ano está comprometida por parte da Administración autonómica a redacción do proxecto e a adquisición do solo.

A actividade comercial e empresarial fóra do polígono tamén é elevada, como demostran as 257 comunicacións previas de inicio de actividade tramitadas no trienio 2017-2019. Este ano a cifra é inferior á media dos tres anteriores, pero aínda así no primeiro semestre contabilizáronse 27. Entre os anos 2009 e 2019 tramitouse a posta en marcha de máis de mil empresas no noso concello.

Compartir: