Inicio Carballo ao día Novas A corporación municipal formalizará...

A corporación municipal formalizará no pleno do luns a exención do pago das terrazas de hostalaría para todo o 2020

Evencio Ferrero e Luis Lamas presentaron os asuntos que se someterán a debate na sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo

Venres 24 de xullo do 2020

Luis Lamas e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno

Luis Lamas e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno

O compromiso estaba adquirido dende hai semanas, pero no pleno ordinario do vindeiro luns formalizarase a exención do pago da taxa por ocupación do solo público con terrazas de hostalaría. O alcalde, Evencio Ferrero, que presentou hoxe os asuntos da sesión acompañado polo concelleiro Luis Lamas, apuntou que a modificación da ordenanza fiscal número 23 afectará a todo este ano, polo que aqueles establecementos que xa tivesen aboado a taxa deben solicitar a súa devolución.

A corporación municipal tamén abordará no pleno do luns a modificación do cadro de persoal para a creación dunha praza de persoal eventual e a compatibilidade solicitada por un oficial-tractorista para desenvolver unha segunda actividade no sector privado.

Así mesmo, está prevista a aprobación de bonificacións a tres empresas de nova implantación no polígono industrial de Bértoa, e que realizarán un investimento próximo ao millón de euros. A construción dunha nave para oficinas dunha empresa de transporte e outra para produtos de perfumería, droguería e hixiene contarán con subvención do 95% do ICIO, pero tamén do IBIU e do IAE durante os tres primeiros anos de actividade. A terceira empresa, de subministros industriais, solicita unicamente bonificación do ICIO.

A aprobación definitiva do plan especial de infraestruturas e dotacións en solo rústico que permitirá construír un centro social na parroquia de Goiáns completa os asuntos da convocatoria. A partir deste trámite, Concello e veciñanza terán que formalizar a adquisición do solo mediante o sistema de participación ao 50%, e o Concello asumirá a continuación a redacción do proxecto e a construción do edificio.

Descargas

Compartir: