Inicio Carballo ao día Novas A recollida de aceite usado seguiu aumentando no...

SOLICITA UN FUNIL NA CASA DO CONCELLO

A recollida de aceite usado seguiu aumentando no primeiro semestre do ano, cunha media mensual de 1.307 quilos

Neste momento están dispoñibles 28 colectores en distintos puntos da zona urbana e nas parroquias de Razo, Lema, Noicela, Berdillo, Ardaña, Artes e Sísamo

Xoves 2 de xullo do 2020

Os funís poden solicitarse, de balde, no Concello

Os funís poden solicitarse, de balde, no Concello

No primeiro semestre deste ano recolléronse no noso concello 7.843 quilos de aceite de cociña usado. A media mensual sitúase, polo tanto, en 1.307 quilos, case douscentos máis que o ano pasado, o que reflicte a boa acollida do servizo de recollida selectiva que puxemos en marcha en agosto do ano 2018.

Nestes momentos hai 28 puntos de recollida, a maior parte distribuídos polos distintos barrios do casco urbano. Pero a experiencia piloto que iniciamos en Razo, Pedra do Sal e Berdillo esténdese polas parroquias a petición da veciñanza, e nestes momentos xa hai contedores tamén en Ardaña, Sísamo, Artes e Noicela. Os colectores máis utilizados son os situados xunto ao Centro Comercial Bergantiños, xunto á oficina de Caixabank na avenida de Fisterra e no Mercado Municipal.

Unha das vantaxes deste novo sistema é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares.

Evencio Ferrero e Luis Lamas, en Imende (imaxe de arquivo)

Evencio Ferrero e Luis Lamas, en Imende (imaxe de arquivo)

As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito, desde o Concello de Carballo ofrecemos á veciñanza funís adaptables ás botellas, que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na Casa do Concello (departamento de Medio Ambiente).

Os aceites de cociña son altamente contaminantes. Por cada litro que recollemos evitamos a contaminación de 1.000 litros de auga. Ademais, evitamos problemas de drenaxe nas tubaxes e nos desaugadoiros e avarías nas depuradoras, e reducimos a dependencia de combustibles fósiles, ao poder transformar este residuo en biocombustible ecolóxico, diminuíndo ao mesmo tempo a contaminación atmosférica.

Compartir: