Inicio Carballo ao día Novas Aumentan case un 10% as subvencións a...

Aumentan case un 10% as subvencións a entidades deportivas para o financiamento de proxectos de actividade xeral

A Xunta de Goberno Local aprobou as bases das distintas liñas de axuda ás entidades deportivas para este ano 2020

Martes 9 de xuño do 2020

O Concello de Carballo cumpre os compromisos adquiridos na rolda de xuntanzas telemáticas coas entidades deportivas

O Concello de Carballo cumpre os compromisos adquiridos na rolda de xuntanzas telemáticas coas entidades deportivas

A Xunta de Goberno Local aprobou na xuntanza celebrada este luns as bases das subvencións a entidades deportivas en materia de proxectos de actividades para o ano 2020. O Concello de Carballo mantén as tres liñas de axuda habituais, que están destinadas ao financiamento da organización e participación en fases finais de ascenso a competicións nacionais e campionatos de España, á organización de eventos deportivos e actividades extraordinarias e ao financiamento dos proxectos de actividade xeral das entidades. Esta terceira liña supón o groso das subvencións, e este ano máis aínda, xa que a partida destinada a esta finalidade increméntase nun 9,89% e acada os 100.000 euros. O importe subvencionable será do 70% do orzamento de gastos, ata un máximo de 20.000 euros por entidade.

Deste xeito, o goberno municipal materializa os primeiros compromisos adquiridos na recente rolda de conversas coas entidades deportivas para coñecer as súas prioridades como consecuencia da crise sanitaria provocada pola COVID-19. Por unha banda, o Concello de Carballo comprometeuse a manter ou incrementar, na medida do posible, as subvencións para a actividade xeral, e, por outra, a dotar ás entidades de liquidez convocando á maior brevidade as axudas para este ano, ademais de, chegado o momento, realizar o pago anticipado do 95% das cantidades concedidas.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou este luns facturas por importe de 31.416,94 euros, unha solicitude de equipamento para Protección Civil á Xunta e varias licenzas urbanísticas, entre elas unha para a ampliación do cemiterio de San Xurxo de Artes e outra para a construción dunha nave destinada a almacén de maquinaria e materiais de obra no polígono industrial de Bértoa. Ademais, deuse conta da concesión dunha subvención da Deputación Provincial da Coruña, por importe de 21.053,19 euros, para o servizo de limpeza de praias.

Por outra banda, a Xunta de Goberno puxo en marcha o procedemento para a contratación dos servizos de conservación, mantemento e reparación de vías públicas en todo o termo municipal durante dous anos (prorrogables ata un máximo de cinco), cun orzamento de 420.000 euros para o primeiro bienio.

Compartir: