Inicio Carballo ao día Novas Axober ofrece a empresarios e traballadores da...

INICIATIVAS EMPRESARIAIS FRONTE AO CORONAVIRUS

Axober ofrece a empresarios e traballadores da comarca unha xornada online sobre prevención de riscos ante a COVID-19

O CCA abre o prazo de inscrición para un curso de márketing dixital

Mércores 27 de maio do 2020

As entidades empresariais toman a iniciativa, coa colaboración e o apoio do Concello de Carballo, para facer fronte á crise provocada pola COVID-19.

Por unha banda, Axober está a preparar unha xornada informativa sobre riscos laborais na que se intentará que traballadores/as e empresarios/as teñan todas as respostas para saber como actuar ante a COVID-19 no ámbito laboral.

A sesión celebrarase o mércores 3 de xuño a partir das 20:00 horas, e para facilitar a asistencia de todas as persoas interesadas será retransmitida en directo a través das canles de YouTube e das páxinas de Facebook de Axober e do Concello de Carballo, que colabora na iniciativa.

Para abordar a xornada dende distintos puntos de vista contarase coa participación de Gonzalo García Pazos, técnico de Bergantiños Solucións Laborais; Rafael Suárez Méndez, presidente de ASINEC (Asociación Provincial de Electricistas); José Manuel Blanco Montero, técnico superior en prevención de riscos laborais de APECCO (Asociación Provincial de Empresarios da Construción), e Maday Teresita Capote Mira, médico de familia na Clínica Carballo.

Durante a retransmisión poderán realizarse preguntas a través das redes sociais, pero as persoas que o prefiran poden enviar as súas consultas con antelación ao enderezo electrónico informacion@axober.org.

O CCA Carballo, pola súa banda, pon a disposición dos seus asociados un curso de formación en márketing dixital. A formación será gratuíta e desenvolverase no propio establecemento. O prazo de inscrición está aberto ata o sábado 30 de maio.

O curso inclúe sesións individuais, dunha hora de duración, cos seguintes contidos:

  • Formas de utilizar as canles dixitais para unha empresa
  • Como utilizar e xestionar as redes sociais
  • Utilizar whatsapp como empresa
  • Como ter presenza en Google cando os teus clientes fan búsquedas
  • Aprender a utilizar Facebook como empresa
  • Aprender a utilizar Instagram como empresa

Compartir: