Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo ten en marcha obras por...

O Concello de Carballo ten en marcha obras por máis de seis millóns de euros

O levantamento da suspensión dos trámites administrativos permitiu retomar as licitacións pendentes e reactivar o sector da construción

Venres 22 de maio do 2020

Obras da rede de saneamento de Taboada e A Granxa

Obras da rede de saneamento de Taboada e A Granxa

O Concello de Carballo ten en marcha agora mesmo unha vintena de obras nas que investiremos máis de seis millóns de euros. Pero tanto o volume de actuacións coma o económico veranse incrementados moi pronto, xa que, tras o levantamento da suspensión dos trámites administrativos polo estado de alarma, dende a Concellaría de Contratación veñen de retomarse as licitacións pendentes co obxectivo de contribuír o antes posible á reactivación do sector da construción.

O alcalde, Evencio Ferrero, asinou esta semana telematicamente os contratos correspondentes ás obras de mellora de accesibilidade peonil na contorna do barrio da Milagrosa e na rúa Vázquez de Parga; rede de saneamento en Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar (parroquia de Artes), e reforma e adecuación do espazo do lavadoiro público do Piñeiro (Entrecruces), nas que investiremos, en total, máis de 400.000 euros.

Estas tres novas actuacións sumaranse a outros proxectos que se atopan en distintas fases de execución e que mesmo remataron durante o estado de alarma. Estes son os máis importantes:

Obras hidráulicas

A rede de saneamento e abastecemento de auga aos lugares de Figueroa e Outeiro, na parroquia de Sísamo, está practicamente rematada, a falta da posta en marcha dos bombeos e do cruce da ponte da estrada de Malpica. Nestes momentos estase a traballar, ademais, nas redes de saneamento de Taboada e A Granxa, na parroquia de Entrecruces; O Pinar e Pedra do Sal (Lema), Vilar do Carballo (Oza) e Razo da Costa e Santa Mariña (Razo), e está a piques de comezar a rede entre A Piña e Evas (Sofán). Así mesmo, avanza a gran obra do abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo. Só en obras hidráulicas estamos a investir máis de 2 millóns de euros.

Centros sociais e instalacións deportivas

Escenario do Centro Social de Bértoa

Escenario do Centro Social de Bértoa

A declaración do estado de alarma pillounos coas obras dos centros sociais de Lema e Bértoa practicamente rematadas, pero sen que dese tempo a poñelos en funcionamento. Así mesmo, despois da importante transformación que supuxo a reforma do campo da festa de Aldemunde, estamos a tramitar o contrato para proceder ao adecentamento da antiga escola para integrala no seu novo entorno.

Outra obra que segue avanzando é a do campo de fútbol das Eiroas, que contará con vestiarios renovados e un novo graderío.

Melloras viarias

Agora mesmo están en execución os proxectos de acondicionamento de pistas forestais nas parroquias de Rus e Sofán, e o plan de camiños municipais, que este ano inclúe os de Quintáns a Gastrar (Ardaña), Brañas do Carrexal (Aldemunde) e de Chousas Novas a Calvos (Rus).

Na zona urbana remataron as obras das rúas Barcelona e Luis Calvo, aínda que na primeira está pendente a reparación dun treito que quedou cunha execución deficiente, e están practicamente listas as da rúa Campo da Feira. Ademais,  veñen de rematar esta mesma semana os traballos de instalación dos servizos urbanísticos previos á construción da senda peonil e ciclista que unirá Carballo e Coristanco, e arrancan as obras de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns, que se farán simultaneamente coas de mellora da accesibilidade na rúa Vázquez de Parga e no ámbito da Milagrosa. A semana que vén empezarán, así mesmo, as obras de reurbanización da rúa Bos Aires.

A maiores das obras costeadas polo Concello de Carballo, tamén está a piques de rematar a segunda fase da reurbanización da travesía de Sísamo, que financia a Deputación da Coruña.

Próximos proxectos

O importante investimento que estamos acometendo ampliarase en breve, xa que están pendentes de adxudicación as obras de aglomerado das vías de Paradela a Prearada (Sofán) e de Xamozo (Artes) a Santa María (Ardaña), ás que destinamos máis de 470.000 euros. Así mesmo, o 2 de xuño rematará o prazo para que as empresas presenten as súas ofertas para as seguintes actuacións, que superan os 750.000 euros de orzamento:

  • Reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia.
  • Aglomerado da estrada de Xoane ao Piñeiro (Goiáns)
  • Acondicionamento con cemento da contorna da igrexa de Rus, a pista do centro social e a escola de Artes e o campo da festa de Oza.
  • Redes de saneamento nos lugares de Betrís e Ribeira (Rus).                                        

Compartir: