Inicio Carballo ao día Novas Completado o reparto de mascarillas...

AS INCIDENCIAS SERÁN ATENDIDAS AO LONGO DA SEMANA

Completado o reparto de mascarillas cirúrxicas homologadas en todos os fogares do concello

O goberno municipal de Carballo agradece o esforzo realizado polo persoal municipal e o voluntariado para rematar a distribución das 32.000 mascarillas nun tempo récord

Mércores 22 de abril do 2020

Hoxe completouse o reparto de mascarillas cirúrxicas homologadas en todos os fogares do noso concello. Grazas ao esforzo realizado polo persoal municipal e o voluntariado foi posible cubrir en sete xornadas de traballo os máis de 300 núcleos de poboación existentes nas 18 parroquias e entregar as 32.000 mascarillas adquiridas polo Concello de Carballo nun tempo récord.

O goberno municipal quere agradecer o traballo desenvolvido por persoal de Protección Civil, Brigada Municipal de Obras, Cruz Vermella e Carballo Deporte, que se sumou esta semana con 10 voluntarios. En total, máis de 40 persoas participaron na preparación das bolsas con dúas ou tres mascarillas e no posterior reparto porta a porta e portal a portal.

O concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, responsable da coordinación dos sete equipos de traballo, pediu comprensión á veciñanza cos posibles erros que se poden ter cometido nun reparto de tanto volume e avanzou que as incidencias que foron chegando ao Concello de Carballo tanto a través do número de teléfono 981 704 700 coma das redes sociais quedarán resoltas ao longo desta semana.

Dende o Concello de Carballo queremos asegurar que toda a veciñanza teña polo menos unha protección homologada á súa disposición no caso de verse obrigada a acudir a un lugar no que non sexa posible respectar as distancias de seguridade sanitarias con outras persoas.

Compartir: