Inicio Carballo ao día Novas O luns 20 arrinca a distribución de...

AS INCIDENCIAS SERÁN ATENDIDAS AO LONGO DA SEMANA

O luns 20 arrinca a distribución de máscaras cirúrxicas en todas as vivendas da zona urbana de Carballo

Un vehículo de Protección Civil anunciará por megafonía a presenza dos equipos de traballo nas rúas nas que vaian repartindo

Domingo 19 de abril do 2020

Persoal da Brigada Municipal de Obras, repartindo en Sofán

Persoal da Brigada Municipal de Obras, repartindo en Sofán

Cinco equipos integrados por persoal de Protección Civil, Brigada Municipal de Obras, Cruz Vermella e Carballo Deporte, que se suma con 10 voluntarios, iniciarán o luns pola mañá o reparto das máscaras cirúrxicas homologadas adquiridas polo Concello de Carballo en todas as vivendas da zona urbana. A distribución farase porta a porta, igual que na zona rural.

Para facilitar a tarefa, que está coordinada polo concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, a zona urbana dividiuse en cinco grandes áreas, nas que se fará o reparto de maneira simultánea a partir de mañá pola mañá. Cada un dos cinco grupos de traballo irá precedido por un vehículo de Protección Civil, que se encargará de avisar por megafonía á veciñanza das rúas polas que pasen.

A maiores, un equipo formado por traballadores da Brigada Municipal de Obras rematará o reparto nas zonas rurais que non foi posible cubrir esta semana: parroquia de Cances, parte de Goiáns e algúns lugares de Rus. Unha vez cubertas estas zonas dedicarase a atender as incidencias, que na primeira fase do reparto foron moi poucas. Deste xeito, os veciños e veciñas das parroquias rurais que por calquera motivo non recibiran as mascarillas poden comunicalo chamando ao teléfono 981 704 700 ou enviando unha mensaxe a través de calquera das redes sociais do Concello de Carballo, e faráselles chegar ao longo da semana.

A distribución das mascarillas tamén se fará pola tarde, neste caso con dous grupos de traballo compostos por voluntariado de Cruz Vermella, Protección Civil e Carballo Deporte.

O concelleiro de Seguridade quixo agradecer especialmente o traballo que están a realizar as máis de 30 persoas de distintos servizos municipais, e tamén da Cruz Vermella, encargadas do reparto porta a porta das 32.000 mascarillas adquiridas polo Concello de Carballo para asegurar que toda a veciñanza teña unha á súa disposición no caso de verse obrigada a acudir a un lugar no que non sexa posible respectar as distancias de seguridade sanitarias con outras persoas.

Compartir: