Inicio Carballo ao día Novas Aprobado definitivamente o proxecto de...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Aprobado definitivamente o proxecto de expropiación de terreos para ampliar o cemiterio municipal

O goberno municipal inicia o expediente de contratación das obras de reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia e do aglomerado de Xoane ao Piñeiro

Luns 9 de marzo do 2020

Cemiterio municipal

Cemiterio municipal

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe de maneira definitiva o proxecto de expropiación de terreos para a ampliación do cemiterio municipal, que afecta a unha área de 4.245 metros cadrados de solo rústico de especial protección reservado no PXOM para equipamentos, precisamente para esta finalidade.

A ampliación do cemiterio afecta a dúas parcelas. Segundo a proposta aprobada hoxe, o prezo de taxación queda fixado en 4,33 euros por metro cadrado para a finca de maior tamaño, que ten un total de 3.265 metros cadrados. Na outra, de 980 metros cadrados, o prezo proposto é de 7,05 euros por metro cadrado por ter unha plantación de árbores. A valoración total da expropiación, polo tanto, é de 26.554,34 euros.

O expediente estivo exposto durante un mes, no que se presentou unha alegación que foi desestimada. Agora, a partir da aprobación definitiva abrirase un novo prazo de 20 días para formular oposición.

Contratación de obras

A obra de aglomerado mellorará o treito entre Xoane e a igrexa de Goiáns

A obra de aglomerado mellorará o treito entre Xoane e a igrexa de Goiáns

Na sesión de hoxe tamén se puxeron en marcha os expedientes de contratación de dúas obras viarias. Por unha banda, as de reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, incluídas no plan complementario do POS+2019 cun orzamento de 250.770,83 euros. Por outra, as de mellora da capa de rodadura con aglomerado da vía de Xoane ao Piñeiro, na parroquia de Goiáns, que forma parte do mesmo plan e que ten un orzamento de 100.473,33 euros.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe facturas por importe de 25.783,48 euros, vaos e licenzas urbanísticas, entre elas dúas para outras tantas naves industriais no polígono de Bértoa, unha para unha empresa de venda e reparación de automóbiles e outra sen uso específico.

Entre os acordos adoptados tamén figura a convocatoria de subvencións para entidades prestadoras de servizos sociais, para as que se destinan 60.000 euros.

Compartir: