Inicio Carballo ao día Novas Arrancou con moita animación a Feira das...

Arrancou con moita animación a Feira das Oportunidades do CCA, que estará aberta toda a fin de semana

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, fixeron un percorrido polos 26 postos instalados na carpa do Rego da Balsa

Sábado 7 de marzo do 2020

Con moitas e moi boas ofertas, e con gran animación, arrancou hoxe a Feira das Oportunidade do Centro Comercial Aberto de Carballo, unha cita que non só está plenamente consolidada despois de 12 anos senón que ademais é un dos eventos máis multitudinarios e rendibles que organiza o CCA ao longo do ano. Entre o numeroso público que se achegou xa pola mañá ata a carpa do aparcamento do Rego da Balsa estiveron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que fixeron un percorrido polos postos e intercambiaron impresións tanto con comerciantes coma con visitantes.

A feira celebrarase durante toda a fin de semana. Este ano hai cambios nos horarios, de maneira que hoxe abre de 10.00 a 15.00 e de 16.00 a 21.00 horas e o mañá, de 10.00 a 15.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Nesta ocasión participan 26 establecementos dos sectores máis variados: A Fragua de Mo, A Fragua Kids, Adamela, Alonso Moda, Atelier, Atmósfera Sport, Automóviles Vilas Rama, Benetton, Calzados Susa, Deportes San Remo, DV Carballo, Ekate, Federópticos Nicolás, JGCar, Mímate, Miriñaque, Mmmm! Xeados, Moda Suárez, Necos, O Barco dos Soños, O Rastrillo, Poppy, Regalos y Regalitos.com, Style, Zapatillería Isabel e Zocas. Téxtil, calzado, deporte, automoción, complementos, óptica, decoración... aos mellores prezos.

Compartir: