Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo volve a contar cos...

O Concello de Carballo volve a contar cos apicultores e a veciñanza para loitar contra a invasión da avespa velutina

Co reparto de trampas e líquido atraínte comeza unha intensa campaña de tres meses de duración para intentar atrapar o maior número de raíñas posible

Luns 2 de marzo do 2020

A presentación da campaña realizouse hoxe na Casa do Concello

A presentación da campaña realizouse hoxe na Casa do Concello

Coa captura das primeiras raíñas do ano comezan tres meses claves para a loita contra a praga de velutina, e un ano máis o Concello de Carballo volve a contar coa colaboración de apicultores, produtores de froita e veciñanza en xeral para levar a cabo un trampeo o máis amplo e intenso posible. A campaña arrincou hoxe cunha xuntanza na que participaron varias das persoas que veñen colaborando ano tras ano co Servizo Municipal de Control de Pragas, que serán as encargadas de colocar as trampas e realizar o seguimento das capturas nas distintas parroquias. Calquera veciño ou veciña que queira sumarse só ten que pasar polas oficinas de Plaguiber (rúa Brasil, número 27, baixo) a recoller a trampa, o líquido atraínte e a folla de control.

O Servizo Municipal de Control de Pragas contou o ano pasado coa colaboración de 58 persoas, o que permitiu colocar 737 trampas e capturar 12.511 raíñas. A primeira deste ano vén de ser atrapada nunha camelia próxima ao centro médico, tal como informou hoxe o responsable do servizo, Isidro Rodríguez. “Supostamente, cada unha que se captura é un niño menos”, sinalou, pero a campaña de trampeo tamén permite coñecer mellor a estes insectos, que no noso concello “entran pola férveda, Aldemunde e Razo-Baldaio” e que nesta época do ano senten unha especial atracción polo doce.

Isidro Rodríguez, un dos colaboradores na campaña e o concelleiro Luis Lamas

Isidro Rodríguez, un dos colaboradores na campaña e o concelleiro Luis Lamas

“O obxectivo da campaña é reducir o número de niños”, sinalou o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, que agradeceu a colaboración dos apicultores un ano máis. Carballo e Vigo foron, como lembrou o alcalde, os concellos galegos nos que máis niños se retiraron o ano pasado. “Non sabemos se é porque poñemos todos os medios ou porque hai unha ‘querencia’ especial do insecto polo noso territorio”, engadiu Evencio Ferrero. “Todo indica que chegou para quedar, porque pasan os anos e o problema continúa, pero iso non significa que non teñamos que seguir poñendo medios, colaborando e declarando a guerra contra esta especie invasora con todas as consecuencias e toda a convicción”, rematou o alcalde.

Reparto de kits antivelutina

No acto de hoxe tamén estivo presente o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, xa que na loita contra a velutina están implicados distintos departamentos municipais. Precisamente para este mércores ás 12:00 horas está previsto realizar o reparto de kits antivelutina para emerxencias a todos os servizos municipais susceptibles de ter que utilizalo, como Policía Local, Protección Civil ou Brigada Municipal de Obras, entre outros. O obxectivo é aumentar a protección dos/as traballadores/as, así coma facilitar o traballo dos servizos de seguridade no caso de que se atopen no seu labor diario cunha emerxencia relacionada con picaduras de avespas.

Primeira raíña capturada este ano

Primeira raíña capturada este ano

O kit está composto por unha mochila isotérmica rotulada cun bote de insecticida específico e unha bocha autoinxectable de adrenalina. Os responsables dos distintos servizos recibirán previamente, na sede de Protección Civil, unha charla informativa na que participarán o responsable da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas e unha farmacéutica.

Datos de contacto e precaucións básicas

As persoas que localicen un niño poden avisar nos teléfonos 012 e 112, ou chamar directamente ao servizo municipal de control de pragas ao 981 754 699. A retirada realizarase de xeito gratuíto nun prazo de 24-48 horas.

Unha vez máis insistimos na conveniencia de extremar as precaucións durante a realización de traballos nos sectores forestal e/ou agrario para evitar picaduras, que o ano pasado foron moi frecuentes. Se é o teu caso toma nota:

  • Antes de empezar a traballar, realizar un recoñecemento da parcela para comprobar que non existen niños. É frecuente que aparezan entre as silveiras. 
  • Se atopas un niño de velutina non te achegues nin lle toques, porque se sentirán atacadas. Chama ao 012 ou ao 112 para que acudamos a retiralo.
  • No caso dun ataque fuxe o máis rápido posible e intenta refuxiarte nalgún lugar pechado coma o coche, protexe a cara e a parte de atrás do pescozo (teñen tendencia a picar nesa parte do corpo) e non fagas movementos bruscos. Se a atacada é outra persoa non te achegues, chama rapidamente ao 112. E se es alérxico procura levar sempre contigo a medicación precisa.

Compartir: