Inicio Carballo ao día Novas Dezaoito emprendedores ou empresas de nova...

ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE A PARTIR DO 29 DE FEBREIRO

Dezaoito emprendedores ou empresas de nova creación poderán utilizar a partir do 1 de marzo o Coworking de Carballo

O proxecto, incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña, está centrado na promoción dos sectores cultural, tecnolóxico, turístico e social

Venres 28 de febreiro do 2020

Instalacións do espazo de coworking

Instalacións do espazo de coworking

O 1 de marzo empezará a funcionar o Coworking do Concello de Carballo, un espazo de traballo compartido que facilitará a 18 novos/as emprendedores/as ou empresas de menos de dous anos de antigüidade a posibilidade de dispoñer non só dun local, senón tamén dunha serie de servizos e infraestruturas que contribuirán a mellorar as súas posibilidades de éxito. A sede deste novo servizo, impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica e incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación Provincial da Coruña, será o 2º andar da nave 1 do Fórum Carballo.

O prazo de solicitude estará aberto a partir de mañá, 29 de febreiro, a través da sede electrónica do Concello de Carballo. O regulamento de funcionamento do coworking, que estará operativo dende o 1 de marzo ata o 31 de agosto, pode descargarse máis abaixo.

O coworking pretende impulsar a creación, posta en marcha e consolidación de empresas vinculadas, preferentemente, aos ámbitos “da cultura, as novas tecnoloxías, a rexeneración urbana, o benestar e os servizos ás persoas, sector audiovisual, turismo ou investigación e iniciativas que formen parte da economía social”, tal como figura no regulamento de funcionamento.

Ademais dos 156 metros cadrados habilitados para os 18 postos de traballo, as persoas usuarias do coworking poderán utilizar o auditorio, que ten capacidade para 100 persoas; unha aula de formación e xuntanzas e outros espazos comúns. O Concello de Carballo farase cargo de todo o material e de todos os gastos.

Se tes unha idea de negocio que necesita apoio ou unha empresa de nova creación que queres impulsar, esta é a túa oportunidade!

Descargas

Compartir: