Inicio Carballo ao día Novas As obras de reurbanización de rúas...

A LUIS CALVO ESTARÁ CORTADA MAÑÁ XOVES A PARTIR DAS 14 HORAS PARA PROCEDER AO AGLOMERADO DA CALZADA

As obras de reurbanización de rúas e mellora da accesibilidade urbana esténdense nestes momentos a distintos barrios

Avanzan a moi bo ritmo as obras na Avenida das Flores e na rúa Campo da Feira, entran na recta final as de Luis Calvo e en breve arrincarán as de Bos Aires

Mércores 19 de febreiro do 2020

Evencio Ferrero e Luis Lamas, cun veciño na rúa Campo da Feira

Evencio Ferrero e Luis Lamas, cun veciño na rúa Campo da Feira

Nestes momentos están en marcha obras de reurbanización de rúas e de mellora da accesibilidade en distintos barrios urbanos, e en breve arrincarán outras coas que seguiremos estendendo o proceso de mellora dos servizos urbanísticos, da mobilidade e da calidade urbana que están a marcar a transformación de Carballo nos últimos anos.

Entre as actuacións en execución atópase a reforma do treito da Luis Calvo comprendido entre Barcelona e a rotonda. Precisamente para mañá xoves, a partir das 14.00 horas, está previsto o corte da rúa para proceder ao aglomerado da calzada. Os labores estenderanse ata as 22.00-23.00 horas, polo que recomendamos aos condutores a utilización de rutas alternativas e pedimos desculpas por anticipado polas molestias que se poidan causar. A mellora da Luis Calvo forma parte dun proxecto conxunto coa rúa Barcelona que, malia os retrasos, entra na súa recta final. O proxecto foi adxudicado é empresa Fonsán Gestión y Construcción por 363.399 euros.

A obra da rúa Campo da Feira completa a contorna do Fórum

A obra da rúa Campo da Feira completa a contorna do Fórum

Moi avanzados están tamén os traballos na rúa Campo da Feira, que completará toda a contorna do Fórum Carballo. A obra, executada pola empresa Excavaciones y Obras Candal cun orzamento de 229.438,25 euros, incluíu a renovación ou instalación dos servizos urbanísticos. Agora xa se está a traballar na superficie. De feito, xa hai varios treitos pavimentados, como comprobaron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, nunha visita á obra. A rúa contará cunha beirarrúa de 1,80 metros de ancho que dará continuidade ao itinerario peonil das rúas lindeiras, zona de aparcamento e carril de circulación. Unha varanda de aceiro, bancos, papeleiras e árbores completarán a obra.

Evencio Ferrero e Luis Lamas tamén se achegaron a outra das obras que avanzan a moi bo ritmo: a avenida das Flores, financiada pola Deputación con 800.000 euros e executada pola empresa Construcciones Cernadas. A obra afecta a máis de 500 metros de vía, polo que se dividiu en tres treitos. O primeiro está rematado; no segundo, no que se está a traballar agora mesmo, hai unha zona que xa ten beirarrúa e outra na que se está rematando a instalación dos servizos. E finalmente acometerase a parte entre as rúas Xuncos e Nacente.

Este ano tamén remataron as obras na rúa Concepción Arenal, que xa está aberta ao tráfico de novo, e en breve arrincarán as da rúa Bos Aires, xa que o contrato foi asinado esta mesma semana. E ademais está en licitación o proxecto de mellora da accesibilidade peonil na rúa Vázquez de Parga e na zona da Milagrosa.

Compartir: