Inicio Carballo ao día Novas Evencio Ferrero asinou dous contratos de...

Evencio Ferrero asinou dous contratos de infraestruturas viarias por valor de máis de 350.000 euros

A empresa Vázquez y Reino acometerá a reurbanización da rúa Bos Aires e o acondicionamento de camiños en Rus e Sofán

Martes 18 de febreiro do 2020

A sinatura do contrato realizouse na Alcaldía

A sinatura do contrato realizouse na Alcaldía

O alcalde de Carballo asinou hoxe dous contratos coa empresa Vázquez y Reino. Por unha banda, o correspondente ás obras de reurbanización da rúa Bos Aires, que teñen un orzamento de 280.775,27 euros e un prazo de execución de catro meses. Por outra, o relativo ao acondicionamento de pistas forestais nas parroquias de Rus e Sofán, que ten un prazo de execución de tres meses e suporá un investimento de 78.892 euros. Ademais de Evencio Ferrero, na sinatura estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.

O obxectivo da actuación que acometeremos na rúa Bos Aires é a mellora integral dunha vía que na actualidade conta con servizos urbanísticos obsoletos, con canalizacións de fibrocemento e redes aéreas de electricidade e telefonía, ademais de beirarrúas de cemento moi estreitas. O proxecto da arquitecta carballesa María Vázquez Esmorís prevé a substitución das redes de abastecemento de auga e saneamento, a instalación de rede de augas pluviais e o soterramento dos servizos de electricidade e telefonía, aos que se sumarán os de cable e gas.

En canto ao tratamento en superficie, a rúa Bos Aires está proxectada en plataforma única, cun único carril de circulación en formigón e beirarrúas de baldosa granítica. A actuación complementarase coa plantación de árbores, a colocación de mobiliario urbano e, como elemento diferenciador, a incorporación de xogos infantís que formarán parte da propia rúa.

Compartir: