Inicio Carballo ao día Novas O uso dos contedores de téxtil usado no...

O uso dos contedores de téxtil usado no noso concello incrementouse un 35,5% en cinco anos

A veciñanza de Carballo depositou o ano pasado 185.000 prendas de roupa nos 34 colectores xestionados pola ONG Humana

Xoves 30 de xaneiro do 2020

O contedor instalado o ano pasado en Sofán é o máis usado da zona rural

O contedor instalado o ano pasado en Sofán é o máis usado da zona rural

A Fundación Humana, que promove a protección do medio ambiente a través da reutilización do téxtil e desenvolvendo programas de cooperación en África, América Latina e Asia, recolleu o ano pasado en Carballo 82 toneladas de téxtil usado. O uso dos contedores específicos para este tipo de residuo incrementouse con respecto ao ano anterior nun 12,2%, pero o aumento acumulado nos últimos cinco anos sitúase no 35,5%.

Nestes momentos contamos con 34 puntos de recollida de téxtil no noso concello, distribuídos tanto pola zona urbana coma pola rural. Froito da boa resposta da veciñanza, Humana escolleu o noso concello para poñer en práctica o ano pasado unha experiencia piloto que ten como finalidade acadar os obxectivos do 55% de reciclaxe de residuos establecidos pola UE para o ano 2025.

Carballo conta cun contedor por cada 900 habitantes, mentres que a media española é de un por cada 5.000. “Queremos certificar que unha contenerización correctamente dimensionada é clave para recuperar unha maior cantidade de téxtil e cumprir os obxectivos da Unión Europea en materia de residuos”, explica o responsable de Humana en Galicia, Ricardo Rodríguez, que quixo agradecer “a solidariedade e a confianza dos veciños e veciñas do concello”.

Planta de clasificación da roupa

Planta de clasificación da roupa

Nos contedores de Humana podemos depositar roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar que non usamos e que deste xeito poden ter unha segunda vida, ademais de contribuír ao desenvolvemento de proxectos sociais. Ademais, o servizo é gratuíto e representa un aforro importante na xestión dos residuos sólidos urbanos.

Os 82.297 quilos recollidos o ano pasado en Carballo, que equivalen a 185.000 prendas, permitiron reducir as emisións de CO2 en 260 toneladas. Deste xeito tamén estamos a colaborar na protección do medio ambiente e na loita contra o cambio climático.

Compartir: