Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha ampla representación do goberno local...

Unha ampla representación do goberno local de Tomiño visita Carballo para interesarse por iniciativas de varias concellarías

As representacións de ambos concellos mantiveron unha xuntanza de traballo e realizaron un percorrido pola vila

Xoves 19 de decembro do 2019 Carballo ao día

Carballo é un concello de portas abertas, tamén para outras Administracións locais que se interesan pola xestión das áreas ou de distintos programas municipais. Igual que fixeron no seu momento Cedeira ou Ponteareas, hoxe achegáronse ata o noso concello representantes do goberno municipal de Tomiño (Pontevedra), encabezados pola súa alcaldesa, a nacionalista Sandra González Álvarez, para interesarse especialmente polo funcionamento das bibliotecas e a xestión cultural en xeral, as accións de eficiencia enerxética e xestións dos residuos, o desenvolvemento industrial e as políticas de benestar, fundamentalmente.

A expedición de Tomiño, integrada polos concelleiros e concelleiras responsables das distintas áreas implicadas nas cuestións de máis interese, chegou a Carballo ás 12.30 horas. Despois de ser recibidos por Evencio Ferrero na Alcaldía, os representantes de ámbolos concellos celebraron unha xuntanza de traballo que se prolongou durante dúas horas, e na que foron xurdindo diferentes cuestións de interese común. Na mesa de traballo sentáronse tamén os/as concelleiros/as Milagros Lantes, Maica Ures, Xosé Regueira, Iván Andrade, Marcos Trigo, Juan Seoane e Luis Lamas.

Despois do xantar, o intercambio de opinións e experiencias continuou cunha visita a algúns dos servizos e instalacións municipais, e un percorrido pola vila.

Compartir: