Inicio Carballo ao día Novas Publicada no DOG a resolución pola que a...

Publicada no DOG a resolución pola que a parroquia de Noicela pasa a formar parte da zona demarcada pola couza da pataca

Evencio Ferrero e Luis Lamas participaron hoxe nunha xuntanza na Consellería do Medio Rural xunto con representantes do Concello da Laracha, que tamén está afectado

Xoves 5 de decembro do 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que dúas parroquias do concello da Laracha (Lendo e Caión) e unha de Carballo (Noicela) pasan a formar parte da zonas declaradas como infestadas pola couza da pataca. Esta decisión tomouse por parte da Xunta tras detectar casos de tubérculos afectados en almacéns de autoconsumo nestas tres parroquias, que xa foron destruídos. Así, as devanditas parroquias pasan a ter todas as medidas de control aplicadas no resto de municipios demarcados, como a prohibición de plantar patacas e o seu movemento.

Á xuntanza asistiron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. Tamén participaron o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o concelleiro José Ramón Barbeito, ademais dos representantes da Consellería do Medio Rural. Posteriormente celebrouse outra reunión cos concellos limítrofes. O obxectivo destes encontros, como explican dende a Consellería, foi o de abordar a situación, coordinar actuacións e concretar as charlas cos veciños para explicarlles o que teñen que facer ao respecto. No noso concello celebraranse dúas charlas o día 12 nos centros sociais de Imende e Vilela. 

Medidas adoptadas

Pataca afectada pola couza (Foto: GCiencia)

Pataca afectada pola couza (Foto: GCiencia)

Segundo a normativa vixente, nas parroquias afectadas só se poderá adquirir para consumo propio tubérculo de fóra desa zona embolsado e etiquetado preparado para o consumidor final, precisamente porque o movemento de pataca a granel estará prohibido, igual que no resto de concellos demarcados. Na xuntanza de hoxe falouse da comercialización nas feiras, e, tal como explicou o alcalde, Evencio Ferrero, a pataca das parroquias afectadas non poderá venderse nin sequera transportarse fóra da zona afectada para evitar a propagación.

A maiores, para que o insecto non se estenda, establécense mediante esta resolución zonas tampón nas parroquias limítrofes ás afectadas. Nelas tomaranse medidas específicas, como que os agricultores deberán comunicar, inmediatamente despois da sementeira, todas as parcelas cultivadas con pataca, segundo o modelo establecido para ese fin.

Para a produción de pataca nestas zonas cualificadas como tampón, será preciso aplicar as medidas establecidas no Real decreto 197/2017 publicado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, tales como un tratamento fitosanitario durante a fase de tuberculinización e antes da colleita. As patacas recollidas non se poderán dedicar a semente mentres a praga non se dea por erradicada. Así mesmo, o seu movemento realizarase sempre en vehículos pechados ou cubertos cunha malla. No caso dos comercializadores, para a súa produción aplicaranse outras medidas a maiores, recollidas tamén na mesma normativa, entre as que se atopan a instalación de mallas tupidas e de trampas de captura de tecia nos almacéns, así como a necesidade de mover as patacas co seu correspondente pasaporte sanitario.

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural establecerá as medidas necesarias para evitar a propagación deste organismo a outras zonas produtoras, reforzando a  rede sistemática de puntos de trampeo existente para evitar a súa propagación ás parroquias lindeiras. Este plan de actuación terá en conta a bioloxía da couza guatemalteca, o nivel de infestación dos almacéns na zona, a distribución do cultivo de pataca, a capacidade do organismo para propagarse de forma natural, o número de capturas rexistrado e os ventos dominantes, entre outros factores

Neste caso, a rede de trampeo con feromona específica disporase no interior dos concellos afectados co obxectivo da captura. Esta é a forma de actuar nas zonas demarcadas ata o de agora, nas que se está conseguindo limitar a súa expansión a tenor da gran diminución de capturas rexistradas.

Compartir: