Inicio Carballo ao día Novas O Servizo de Control de Pragas xa retirou este...

O Servizo de Control de Pragas xa retirou este ano 761 niños de velutina, a cifra máis alta dende a chegada da especie invasora

No mes de novembro foron eliminados 93 niños, case todos situados en árbores

Martes 3 de decembro do 2019

Case todos os niños apareceron en árbores

Case todos os niños apareceron en árbores

Aínda que as velutinas fan niños en calquera lugar, como temos comprobado en repetidas ocasións, a práctica totalidade dos que retirou o Servizo Municipal de Control de Pragas durante o mes de novembro estaban situados en árbores. Dende que empezou o outono, coa caída das follas quedaron ao descuberto numerosos niños que permanecían ocultos nas copas.

No mes de novembro foron anulados 93 niños, o que eleva a cifra anual a 761. Estamos ante o rexistro máis alto dende a chegada da especie invasora ao noso concello. En todas as parroquias foi localizado algún, aínda que as máis afectadas foron Rus, con 19; Carballo, con 12, e Sofán, con 11.

O Concello de Carballo foi pioneiro en Galicia en combater a praga con medios propios, xa que, malia tratarse dunha que corresponde á Administración Autonómica, consideramos que a seguridade da poboación debe ser prioritaria e asumimos a xestión do servizo. Deste xeito, dende o ano 2017 a loita contra a avespa velutina está incluída no contrato de control de pragas e os avisos que se reciben son atendidos en 24 horas na práctica totalidade dos casos.

As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, desde onde darán aviso ao Servizo Municipal de Control de Pragas.

Compartir: