Inicio Carballo ao día Novas A Unidade de Condutas Adictivas cumpre 25 anos...

15 DE NOVEMBRO, DÍA MUNDIAL SEN ALCOHOL

A Unidade de Condutas Adictivas cumpre 25 anos consolidada como un centro de referencia para todo tipo de adiccións

Mañá sábado, coincidindo co I Encontro Médico de Bergantiños, colocarase un stand no Pazo da Cultura no que se ofrecerá información a todas as persoas interesadas

Venres 15 de novembro do 2019

En novembro de 1994 foi inaugurada a Unidade Asistencial de Drogodependencias de Carballo. Ao longo destes 25 anos, o servizo sanitario xestionado polo Concello de Carballo foi adaptándose aos novos perfís de pacientes, e así, 25 anos despois de nacer como un centro de atención a drogodependentes, na súa práctica totalidade consumidores de heroína, está xa consolidada como Unidade de Condutas Adictivas (UCA) e como centro de referencia para o tratamento de todo tipo de adiccións.

Hoxe en día, o número de demandas de tratamento por substancias legais como o alcol ou o tabaco xa duplica o número de demandas de tratamento por substancias ilegais. Os programas de atención ao alcoholismo e o tabaquismo levan xa seis anos en funcionamento, e neste 15 de novembro, Día Mundial sen Alcohol, queremos lembrarvos que están a disposición das persoas que poidan precisar axuda para iniciar o proceso de deshabituación.

Cada ano son atendidos na UCA arredor dun cento de pacientes nos programas de deshabituación alcohólica. En canto ao tabaco, o ano pasado achegáronse ata as instalacións municipais 26 pacientes novos/as e déronse 9 altas terapéuticas. En ámbolos casos, as persoas usuarias do servizo deben ser derivadas polos médicos de cabeceira, servizos hospitalarios ou unidades de saúde mental, e simplemente deben achegar o DNI e a tarxeta sanitaria para iniciar o tratamento.

No ano 2016 incorporáronse á UCA dous novos programas que permiten tratar con derivados opiáceos a pacientes oncolóxicos e de unidades de dor. Tamén funciona dende o 2016 o programa de adiccións comportamentais, de maneira que o xogo patolóxico, ou as adiccións ás novas tecnoloxías, ás compras ou ao sexo tamén poden ter solución na UCA de Carballo.

Este sábado 16 de novembro, coincidindo coa celebración do I Encontro Médico de Bergantiños, a UCA terá presenza no Pazo da Cultura cun stand informativo no que poderá recollerse un folleto que recolle todos os programas que ofrece a Unidade de Condutas Adictivas, sempre de forma gratuíta, garantindo a confidencialidade e dunha maneira totalmente voluntaria. As persoas que precisen información concreta poden dirixirse á sede da UCA na Praza do Médico Eduardo Mariño (antigo ambulatorio, xunto ao centro de saúde de Carballo) ou chamar ao 981 756 275.

Descargas

Compartir: