Inicio Carballo ao día Novas A Xunta financia en Carballo un obradoiro de...

A Xunta financia en Carballo un obradoiro de emprego de garantía xuvenil e 3 cursos do Plan Formativo para o Emprego

O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, visitaron hoxe ao alumnado de carpintería e moble

Xoves 31 de outubro do 2019

O delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, estivo hoxe en Carballo para visitar, acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, ao alumnado do obradoiro de emprego de garantía xuvenil que vén de poñerse en marcha no Fórum Carballo cunha achega da Xunta de 135.000 euros. Os 12 alumnos do obradoiro formaranse en carpintería e moble e terán como obxectivo práctico a construción e instalación do mobiliario do Museo de Bergantiños.

O delegado territorial e o alcalde, que estiveron acompañados polo concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, e polo concelleiro do PP Rubén Lorenzo, reuníronse cos alumnos para animalos a aproveitar ao máximo, e “dende xa”, a posibilidade de formación para o emprego que se lles está a ofrecer.

Ao remate dos 6 meses de formación teórico-práctica, os participantes no obradoiro de emprego recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Ovidio Rodeiro anunciou tamén que Carballo será a sede de tres cursos do Plan Formativo para o Emprego (antigo AFD), que permitirá formar a un total de 45 persoas en tres especialidades: soldadura, electricidade e servizos de restaurante. O alumnado que participe nestes cursos terña dereito, sempre que cumpra uns requisitos, a becas que inclúen transporte, manutención, aloxamento, conciliación e apoio a alumnos vítimas de violencia de xénero ou con necesidades especiais.

A visita rematou na Escola Municipal de Hostalaría, onde o delegado da Xunta tivo a oportunidade de ver en acción aos 15 alumnos e alumnas do curso de cociña que financia o Concello de Carballo ao 100% con fondos propios.

Compartir: