Inicio Carballo ao día Novas A renuncia do concelleiro do PP José...

A renuncia do concelleiro do PP José Ricardo Vilas Otero pechou un pleno marcado polo debate de numerosas mocións da oposición

Aprobadas as iniciativas do PSOE sobre a creación dun punto de encontro municipal e o cambio de nome do complexo deportivo Vila de Noia

Luns 28 de outubro do 2019

A zona reservada para o público estivo case chea

A zona reservada para o público estivo case chea

A corporación municipal de Carballo vén de celebrar un intenso e concorrido pleno, no que case todos os asentos reservados para o público estiveron ocupados, practicamente na súa totalidade por representantes de entidades deportivas do noso concello, ata a votación da moción presentada por Terra Galega para a concesión sobre os campos de fútbol das Eiroas e O Carral aos clubs FC Bergantiños e SD Sofán, que foi rexeitada.

Ricardo Vilas, durante a súa despedida

Ricardo Vilas, durante a súa despedida

As mocións presentadas polos grupos da oposición centraron o debate da sesión, que rematou coa renuncia do concelleiro do PP José Ricardo Vilas Otero, que se despediu emocionado (e cun abrazo para cada concelleiro e concelleira) dos que foron ata hoxe os seus compañeiros e compañeiras de corporación. Os voceiros e voceiras de todos os grupos desexáronlle moita sorte na súa nova etapa vital.

Os acordos

  • Recoñecemento de compatibilidade solicitada por un traballador para unha segunda actividade no sector público. Informe favorable. Aprobado coa abstención de Terra Galega.
  • Recoñecemento de obrigas procedentes de exercicios anteriores. Aprobado coas abstencións dos tres grupos da oposición.
  • Modificación puntual número 1 do PXOM en solo urbano. Aprobación provisional. Aprobada coa abstención de Terra Galega.
  • Estudo de detalle para ordenación de volumes, axuste de rasantes interiores e ordenación do solo non edificado, na parcela agrupada J12,C2, C3-C4, C7A, C7B, do parque empresarial e polígono industrial de Bértoa, en Carballo. Aprobación definitiva por unanimidade.
  • Moción do grupo municipal de TEGA para a concesión de subvencións para a mellora da accesibilidade: instalación de ascensores e eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios residenciais colectivos do concello de Carballo. Só contou co apoio do PP. O PSOE abstívose e o BNG votou en contra, polo que a iniciativa foi rexeitada.
  • Moción do grupo municipal de TEGA para a concesión sobre os campos de fútbol As Eiroas e O Carral, aos clubs FC Bergantiños e SD Sofán. Só votou a favor o partido propoñente, polo que foi rexeitada.
  • Moción do grupo municipal do PP referente ao plan de actuación para o coidado e mantemento do mobiliario urbano. Rexeitada cos votos en contra do BNG.
  • Moción do grupo municipal PSdeG-PSOE relativa á creación dun punto de encontro familiar. Aprobada por unanimidade.
  • Moción do grupo municipal PSdeG-PSOE para dotar de un nome oficial ao pavillón sito na rúa Vila de Noia. Aprobada coa abstención do PP.
  • Declaración institucional presentada polo grupo municipal do PP de apoio e recoñecemento do labor que realizan as forzas e corpos de seguridade do Estado en Cataluña. Rexeitada cos votos en contra do BNG.

Rogos e preguntas

No último apartado da sesión, Terra Galega presentou dous rogos relativos a outros tantos vertidos nas parroquias de Artes e Berdillo, así coma varias preguntas sobre cuestións relacionadas co persoal municipal, a execución de varias obras e a Escola de Hostalaría. O PP tamén presentou unha pregunta sobre unha baldosa solta na rúa Vázquez de Parga. Tamén o PSOE presentou unha pregunta sobre unha rotura dunha traída de auga en Sofán e un rogo para colocar unha pasarela cuberta no CEIP Bergantiños.

Público

Público do pleno

Descargas

Compartir: