Inicio Carballo ao día Novas "O electo", a nova co-produción...

"O electo", a nova co-produción do FIOT, terá presenza na escena de toda España cunha versión en castelán

O público carballés será o primeiro en ver a montaxe, da que se ofrecerán dúas funcións o venres e o sábado

Mércores 23 de outubro do 2019 Cultura

O Festival Internacional Outono de Teatro presentou esta mañá no Pazo da Cultura a estrea absoluta de O electo, unha coprodución de Contraproducións, Focus e o FIOT, dirixida por Cándido Pazó González, interpretada por Manu Baqueiro e Antonio Mourelos e baseada nun texto orixinal de Ramón Madaula.

Na rolda de prensa participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro Pastoriza; e a directora de produción de Contraproducións, Belén Pichel, ademais de Pazó, Baqueiro e Mourelos. Pichel desculpou a ausencia de última hora do director de produción de Focus,  Sergi Calleja, por atraso do voo no que viaxou a Compostela.

Nesta coprodución, a compañía de Cándido Pazó explora novas vías para o teatro galego e para o FIOT aliándose cunha das grandes produtoras españolas, Focus. Xuntas crearon un espectáculo que terá presenza na escena de toda España cunha versión en castelán. Esta comedia aguda sobre a vocación política, xa un éxito na versión orixinal en catalán, visibiliza a vulnerabilidade dos que exercen o poder. A obra dará pé, seguro, ao debate sobre unha preocupación social de actualidade: a controversia sobre os políticos.

O electo terá dúas funcións nesta edición do FIOT: o venres, para abonados e convidados, ás 21 horas; e o sábado, ás 20.30, para o resto do público. Tamén haberá un ensaio xeral para os alumnos dos institutos, mañá xoves, ás 11 horas.

Intervencións

“O FIOT”, asegurou Sueiro, “segue a ser esa ferramenta quen de colaborar coas compañías e todo o sector das artes escénicas galego, que pode atopar no noso festival un lugar onde desempeñar o seu traballo”. Sobre as colaboracións entre o FIOT e Contraproducións [O electo será a terceira], dixo: “Ata o de agora foron absolutamente exitosas e moi satisfactorias para o festival”.

“O FIOT”, afirmou Sutil, “non só nos ofrece a representación de espectáculos, senón que é moito máis e quen de dar un enorme pulso ao sector galego das artes escénicas”. “Hoxe”, engadiu o director de Agadic, “estamos aquí para presentar unha coprodución dunha compañía que ten unha estrutura a maiores da estrutura artística e que tamén conta co apoio da Xunta de Galicia e, sobre todo e quero salientalo, co apoio do FIOT”. Sutil fixo ademais especial mención a Focus, “un dos principais grupos españois de produción, xestión e distribución de teatro, así como de organización e comunicación de eventos culturais”.

“Esta comedia sobre a función política”, explicou Pazó, “é basicamente unha idea de produción pero tamén un espectáculo de actores, así que o meu traballo como director foi, en grande medida, utilizar ben eses dous ingredientes que me serviron”. “Para empezar”, engadiu, “o ingrediente de que é unha comedia moi ben escrita por Ramón Madaula e xa testada, porque se representou con gran éxito de crítica e público en catalán e en francés; máis alá diso, a obra ten unha arquitectura dramatúrxica que me entusiasmou: sentín o que sempre sinto cando leo unha obra de verdadeira calidade, que é pensar por que non fun quen escribir eu iso, eu que tamén son autor”. “O cal”, rematou Pazó, “fixo moito máis fácil o meu traballo como director”.

Belén Pichel: “É unha honra, como carballesa, que o FIOT confíe en nós para estrear e por a andar os nosos espectáculos”

Para Belén Pichel, “é unha honra, como carballesa, que o FIOT confíe en nós para estrear e por a andar os nosos espectáculos”.  A directora de produción de Contraproducións lembrou as outras dous colaboracións entre o festival carballés e a súa compañía: O tolleito de Inishmaan e Fillos do sol, “un espectáculo do que levamos xa máis de sesenta función, o que hoxe en día é complicadísimo. Pero todos os espectáculos nosos que naceron aquí déronnos ata agora moitísima sorte”. Pichel confirmou outras localidades galegas que visitará á xira da montaxe, como Vilagarcía, Narón, Vimianzo ou A Coruña. A versión castelá de O electo estrearase, desvelou Pichel, en abril, no Teatro Principal de Zaragoza, “e a partir de aí empezará unha longa xira, e esperamos que exitosa, por Toledo, Valladolid, Marbella o Tenerife, entre outras cidades”.

Popularmente coñecido polos seus traballos en dobraxe, cine e televisión, Antonio Mourelos debuta nas táboas “porque hai ofertas que non se poden rexeitar”. “Eu nunca pensei seriamente en facer teatro, pero cando Belén me explicou o proxecto e eu lin o texto, estiven certo de que, se algún día ía facer teatro, sería con esta obra, con este director e con esta produtora. Se, por riba, tería como compañeiro de elenco a Manu Baqueiro, a decisión estaba máis que clara”.

“Cando mo propuxo Focus”, explicou Baqueiro, “pareceume un gran desafío, como fillo de galegos que son”. “A versión de Candi [Pazó]”, engadiu, “pareceume fascinante; se cadra máis divertida cá catalá, polo que me toca: un proxecto moi bonito, moi interesante, con moitas cousas nas que traballar; un gran desafío como actor, tanto para min como seguro que para Antonio”. “É”, rematou, “un texto moi intelixente, que toca moitos paus máis alá da política, ao que se lle pode sacar moito partido, tanto en Galicia como no resto do Estado”.

“En Carballo”, afirmou o alcalde, “estamos encantados de que a dimensión do FIOT vaia transcendendo e sirva para producir espectáculos aquí e para proxectar o FIOT noutras latitudes”. “Pero tamén”, seguiu, “estamos encantados de que o FIOT sexa unha referencia artística, teatral e para a creatividade”. “Polo tanto”, rematou, “somos nós os que estamos agradecidos de que directores, produtoras e compañías sigan apostando por Carballo e confiando no bo nome do FIOT para facer aquí estreas e logo que esas estras sirvan para divulgar todo ese enorme traballo”.

Compartir: