Inicio Carballo ao día Novas A oferta da Escola de Hostalaría do...

A oferta da Escola de Hostalaría do Fórum Carballo increméntase cun curso de servizos de restaurante

As persoas interesadas en participar nesta nova acción formativa, incluída no Plan Formativo para o Emprego da Xunta, deben dirixirse á Oficina de Emprego

Mércores 23 de outubro do 2019

Este ano haberá aínda máis actividade na cociña da Escola de Hostalaría do Fórum Carballo, porque para o mes que vén está previsto o inicio dun curso de servizos de restaurante incluído no Plan Formativo para o Emprego (antigo AFD), promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta. As/os interesadas/os en participar deben dirixirse á Oficina de Emprego, situada na planta baixa do edificio administrativo do Fórum, xa que, ao tratarse dun certificado de profesionalidade de nivel 2, as persoas demandantes deben acreditar no Servizo Público de Emprego de Galicia que teñen o título da ESO ou as competencias clave de nivel 2 superadas.

O curso consta de 580 horas. As clases impartiranse en horario de mañá, e o obxectivo xeral da formación é que os/as participantes aprendan a desenvolver e montar todo tipo de servizos de alimentos e bebidas en restaurantes, preparar elaboracións culinarias á vista do/a comensal ou atender á clientela, mesmo utilizando o inglés cando sexa preciso, ademais de respectar as normas e prácticas de seguridade e hixiene na manipulación de alimentos.

As persoas que superen todos os módulos conseguirán a cualificación profesional precisa para traballar como camareiros/as, camareiros/as de sala ou xefe/a de rango, ou xefe/a de sector de restaurante ou sala

Para conseguir ese obxectivo desenvolverase un programa formativo que inclúe un módulo de servizo en restaurante, dentro do cal figuran como apartados específicos os sistemas de aprovisionamento e “mise en place” no restaurante, o servizo e a atención ao cliente, e a facturación e peche da actividade. Tamén hai módulos de viños, que abrangue tanto o servizo como prestar información sobre os mesmos; elaboración e acabado de pratos á vista do/a cliente; disposición de todo tipo de servizos especiais en restauración; seguridade, hixiene e protección ambiental en hostalaría, e inglés profesional para servizos de restauración, de maneira que o/a alumno adquira un nivel de usuario independente. Por último está previsto un módulo de prácticas profesionais non laborais.

Os/as participantes teñen, no noso caso, a vantaxe de compartir espazo co alumnado do Curso de Cociña, que vén de iniciar a súa formación este mes, o que facilitará a adquisición dunha formación moi práctica. As persoas que superen todos os módulos conseguirán a cualificación profesional precisa para traballar como camareiros/as, camareiros/as de sala ou xefe/a de rango, ou xefe/a de sector de restaurante ou sala.

Compartir: