Inicio Carballo ao día Novas A xestión do ciclo integral da auga,...

A xestión do ciclo integral da auga, avalada pola norma de xestión da enerxía empresarial máis utilizada do mundo

A empresa concesionaria do servizo, Gestagua, vén de acadar a certificación de cumprimento da norma UNE-ISO 50001 para as instalacións de Carballo

Xoves 17 de outubro do 2019

Gestagua, concesionaria do ciclo integral da auga en Carballo, convértese na primeira empresa española auditada e certificada por AENOR segundo os novos requisitos da norma UNE-ISO 50001 Sistema de Xestión da Enerxía.

Esta norma baséase no principio “medir para identificar, e identificar para mellorar”, establecendo un sistema de xestión enerxético que fai posible o uso eficiente da enerxía requirida polas instalacións xestionadas por Gestagua en dous concellos: Carballo e Madridejos.

Hoxe celebrouse na Casa do Concello o acto de entrega do certificado por parte do director da delegación occidental de Aenor, Martín Pita, a Gonzalo Murillo, director de explotacións de Gestagua. No acto participaron tamén, por parte da empresa concesionaria, José Rey, delegado da zona norte; Benigno López, xefe da explotación de Carballo; Julio Fernández, director de comunicación; Alba Vidal, responsable de calidade e medio ambiente, e María Esteban, responsable de márketing e comunicación. En representación do Concello de Carballo asistiron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.

Características da certificación

A UNE-ISO 50001 é a norma de Xestión da Enerxía empresarial máis utilizada no mundo, que axuda ás organizacións a implantar unha política enerxética e a xestionar adecuadamente os aspectos enerxéticos derivados da súa actividade. Do mesmo xeito, permite diminuír o consumo de enerxía primaria, a dependencia exterior e a intensidade enerxética, fomentando o uso de enerxías renovables, contribuíndo a mellorar a competitividade das organizacións.

Con esta certificación, Gestagua garante a implantación dun Sistema de Xestión Enerxética que ten como finalidade facilitar á organización ferramentas que permitan reducir e identificar as actividades de maior consumo enerxético (HERMES e AQUAEL), para evitar a denominada “fuga de enerxía”.

A certificación obtida engádese aos certificados AENOR de Sistemas de Xestión da Calidade (UNE-EN- ISO 9001), Sistema de Xestión Ambiental (UNE-EN ISO 14001) e Sistema de Xestión da Seguridade e da Saúde no Traballo (OHSAS 18001) que xa ten a operadora. O representante de Aenor destacou que o feito de que Gestagua conte con 74 certificacións en toda España “é imposible que sexa froito da casualidade, senón que é froito do compromiso da empresa coa xestión, o medio ambiente e os seus traballadores”.

Parabéns do alcalde

Evencio Ferrero felicitou á empresa e falou do importante esforzo que leva feito e segue a facer o Concello de Carballo no ciclo integral da auga, e citou a obra do abastecemento a Oza e Razo, en execución nestes momentos, con 1,7 millóns de orzamento que o converten “no investimento máis alto da historia realizado polo Concello de Carballo sen axuda doutras administracións”. O alcalde lembrou que os veciños e veciñas do noso concello pagan cada ano a Augas de Galicia un canon de 360.000 euros “que nos gustaría que revertesen en melloras para Carballo”.

Compartir: