Inicio Carballo ao día Novas A parroquia de Aldemunde poderá empezar a...

A parroquia de Aldemunde poderá empezar a utilizar moi pronto a nova praza, que está practicamente rematada

O goberno municipal traballa agora nun próximo proxecto para acondicionar o edificio da antiga escola e seguir mellorando ese renovado espazo público

Mércores 9 de outubro do 2019

Evencio Ferrero e Luis Lamas achegáronse hoxe ata Aldemunde, onde conversaron coa veciñanza

Evencio Ferrero e Luis Lamas achegáronse hoxe ata Aldemunde, onde conversaron coa veciñanza

A parroquia de Aldemunde poderá estrear moi pronto a nova praza. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, puideron comprobar hoxe que as obras están practicamente rematadas, pendentes da instalación dunha varanda de madeira para protexer o desnivel coa pista, da plantación da zona verde e doutros pequenos detalles. Deste xeito, a próxima festa xa poderá celebrarse nese renovado espazo, no que estamos a investir case 100.000 euros.

O proxecto, executado pola empresa Construcciones Vázquez y Reino, incluíu a demolición dos muros exteriores, do palco da música, da beirarrúa perimetral e das escaleiras de acceso, ademais da limpeza e o acondicionamento do terreo para diminuír a pendente. O novo muro de peche e a pavimentación con formigón permiten gañar unha praza para as festas pero tamén de uso cotiá, onde a sombra estará garantida cos carballos e os castiñeiros que se plantarán en breve.

Novas escaleira e rampla de acceso á antiga escola

Novas escaleira e rampla de acceso á antiga escola

A actuación tamén incluíu a construción dunha rampla de acceso á antiga escola, que se completará cunha varanda de aceiro inoxidable. Pero o goberno municipal quere seguir mellorando ese espazo público, e por iso os servizos técnicos traballan xa nun novo proxecto para acondicionar o edificio. A renovación do tellado, que é de uralita, e das ventás, ademais do pintado e outras melloras permitirán a integración do local na contorna e mellorar as súas condicións de uso.

Compartir: