Inicio Carballo ao día Novas Comezan as obras da segunda fase da...

Comezan as obras da segunda fase da travesía de Sísamo, que se irá pechando ao tráfico por treitos para facilitar a mobilidade

O primeiro tramo afectado é o comprendido entre as rúas Papoula e Orquídea, onde se centrarán os traballos durante os primeiros dous meses e medio

Martes 1 de outubro do 2019

As obras comezaron esta semana

As obras comezaron esta semana

As obras da segunda fase da travesía se Sísamo, que abrangue dende o remate da primeira ata a rúa Nacente, de acceso ao IES Monte Neme, veñen de comezar. Dada a lonxitude do treito de vía incluído no proxecto de reurbanización, que supera os 500 metros, a empresa adxudicataria, Construcciones Cernadas S.L., en coordinación coa Policía Local e cos servizos de transporte escolar afectados, vén de establecer un plan de actuación encamiñado a facilitar a accesibilidade durante a execución dos traballos.

No primeiro treito, entre as rúas Papoula e Orquídea, os traballos durarán dous meses e medio

Con ese obxectivo, a obra dividirase en tres treitos. O primeiro, no que xa se está a traballar dende hoxe, é o comprendido entre as rúas Papoula e Orquídea, no que se centrarán as obras durante os vindeiros dous meses e medio, segundo o plan de traballo establecido. Esta semana procederase ao peche dos accesos dende a Avenida das Flores cara as rúas Rosas e Hortensias, ás que poderá accederse a través das rúas Begonias e Violetas, respectivamente. Quedan excluídos da prohibición os vehículos de emerxencias, residentes e usuarios/as de garaxes e vehículos de carga e descarga para abastecer aos comercios da zona. O tráfico procedente do centro urbano desviarase dende a Avenida das Flores polas rúas Camelas, Begonias, Avenida da Cristina, Violetas e Flor do Toxo, dende a cal volverá a incorporarse á estrada provincial DP-1901 Carballo-Sísamo.

O segundo treito da obra executarase entre Flor do Toxo e Xuncos. Será o máis longo, con catro meses de duración estimada, durante os cales tamén se habilitarán desvíos e accesos para residentes e negocios. Nos últimos tres meses da actuación completarase o proxecto ata a rúa Nacente. En todos os casos xa están deseñadas as alternativas para o tráfico nas zonas afectadas.

Se é posible respectar o plan de obra reducirase considerablemente o prazo de execución, que é de 12 meses. O orzamento acada os 800.000 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación da Coruña. A rúa contará con novos servizos urbanísticos, alumeado en columnas de aceiro inoxidable, como na fase xa executada, e en superficie habilitaranse dous carrís de tres metros de ancho con zonas de aparcamentos, e beirarrúas cun ancho medio de 2,40 metros. En definitiva, daráselle continuidade ao modelo implantado nos primeiros metros da avenida das Flores.

Compartir: