Inicio Carballo ao día Novas Aprobadas por unanimidade todas as propostas...

Aprobadas por unanimidade todas as propostas presentadas no pleno agás a moción sobre a creación dun consello da mocidade

O grupo de goberno do BNG apoiou a iniciativa do PSOE, mentres que o PP e Terra Galega abstivéronse

Martes 3 de setembro do 2019

O goberno municipal do BNG apoiou a moción do PSOE

O goberno municipal do BNG apoiou a moción do PSOE

Todos os asuntos que integraban a orde do día do pleno celebrado este luns foron aprobados por unanimidade agás a moción presentada polo PSOE para apoiar e fomentar a participación da mocidade a través da creación dun consello sectorial. Nesta proposta, que obtivo o respaldo do goberno municipal do BNG e que, polo tanto, tamén saíu adiante, tanto o PP coma TeGa abstivéronse. O texto íntegro pode consultarse máis abaixo.

A ausencia do concelleiro socialista Valentín Costa e a entrega a cada membro da corporación dun exemplar de “O Rexionalismo”, a obra de Alfredo Brañas traducida ao galego e editada pola Deputación Provincial da Coruña, foron outros dous aspectos distintivos da sesión, que, aínda que se celebrou iniciado xa o mes de setembro, correspóndese coa ordinaria de agosto.

O resto dos acordos foron os seguintes:

  • Festivos locais para o ano 2020: serán o 25 de febreiro, Martes de Entroido, e o 25 de xuño, festa do Santísimo Sacramento e un dos días grandes do San Xoán.
  • Recoñecemento de compatibilidade solicitada por un traballador temporal para desenvolver unha segunda actividade no sector privado en horario de tarde.
  • Adhesión do Concello de Carballo a convenios entre a Federación Española de Municipios (FEMP) e a Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) en materia recadatoria. Tras a información ofrecida polo tesoureiro municipal aos voceiros dos diferentes grupos a semana pasada, todos votaron a favor da adhesión ao novo texto do convenio, que, tal como dixo o alcalde, é “máis beneficioso para os concellos”.
  • Bonificacións do ICIO para novas empresas: 95% para Sector Vending SLU e 80% para Maqresol Bergantiños SL.

A portavoz socialista, cos libros de Brañas

A portavoz socialista, cos libros de Brañas

No apartado de seguimento de órganos de goberno deuse conta do cumprimento da Lei de medidas contra a morosidade no último trimestre, xa que os pagos a provedores realizáronse dentro do prazo legal; así coma da execución do orzamento. TeGa presentou preguntas relacionadas con diferentes áreas do goberno.

Compartir: