Inicio Carballo ao día Novas 208 alumnos e alumnas dos colexios...

208 alumnos e alumnas dos colexios Bergantiños e Fogar incorporaranse en setembro ao programa Concilia

O 17 do mes que vén abrirase un novo prazo para as familias que queiran utilizar o servizo a partir de outubro. Para usalo en días soltos o prazo está aberto todo o ano

Xoves 22 de agosto do 2019

Coincidindo coa volta ao cole empezará a funcionar tamén o programa Concilia, no que este curso contaremos con 208 usuarios/as diarios/as nos colexios Fogar (131) e Bergantiños (77). Nesta ocasión non se acadou o número mínimo de solicitudes para implantalo no Gándara-Sofán, onde si funcionou o curso pasado. A Concellaría de Igualdade e Benestar ofrece cada ano a posibilidade de estender o servizo a todos os colexios nos que haxa un mínimo de familias interesadas.

O programa Concilia pretende facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, e consiste en recoller aos nenos e nenas dende as 07.00 horas no seu centro escolar para responder ás necesidades familiares derivadas do desfase existente entre os horarios escolares e os laborais. Deste xeito, os/as participantes reciben atención especializada ata a hora de comezo das clases, desenvolven actividades de ocio e tempo libre, e ademais existe un servizo de almorzo opcional. Durante os períodos vacacionais tamén se ofrece a posibilidade de continuar co servizo para os/as usuarios/as fixos/as.

A partir do 17 de setembro habilitarase outro prazo para as incorporacións que se produzan a partir de outubro, pero, tal como lembra a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, “o prazo está aberto durante todo o ano” para dar resposta ás necesidades que poidan xurdir. A maiores, as familias teñen a oportunidade de utilizar os servizos do programa Concilia de maneira puntual en días soltos.

Compartir: