Inicio Carballo ao día Novas O alcalde reunirase o venres coa conselleira de...

O alcalde reunirase o venres coa conselleira de Infraestruturas para falar sobre o proxecto da circunvalación de Carballo

Evencio Ferrero solicitou a entrevista con Ethel Vázquez tras a constitución da actual corporación municipal

Mércores 7 de agosto do 2019

Vista parcial do casco urbano de Carballo

Vista parcial do casco urbano de Carballo

O alcalde de Carballo reunirase este venres 9 de agosto, ás 11.30 horas, na Coruña coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade para tratar sobre a circunvalación. Evencio Ferrero envioulle a Ethel Vázquez, aos tres días da constitución da actual corporación municipal o 15 de xuño, un escrito solicitando unha xuntanza para falar sobre a “necesaria e demandada” variante.

O alcalde lembráballe á conselleira os problemas que supón o tráfico de transporte pesado polo ámbito urbano, e dun xeito especial por unha zona “con alta densidade de poboación e que conta ademais con centros educativos de secundaria, primaria e infantil que totalizan máis de 1.400 escolares e cun complexo deportivo con intenso uso por dispoñer de piscina cuberta e pavillón”. Evencio Ferrero aludía tamén no seu escrito á necesidade de dotar dunha alternativa aos vehículos pesados que transitan entre o polígono industrial de Bértoa e as zonas de Santiago, Pontevedra ou Vigo.

Tras o compromiso expresado pola Consellería de Infraestruturas no Parlamento de Galicia de incluír unha primeira fase desta necesaria infraestrutura nos Orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano, Evencio Ferrero pretende coñecer en detalle as previsións do departamento que dirixe Ethel Vázquez “para avaliar a materialización desta necesaria e urxente circunvalación e prestar a nosa colaboración institucional para facela realidade canto antes”.

A variante de Carballo é unha demanda histórica da poboación e do empresariado do noso concello, e xa fora incluída pola Xunta no Plan Move do ano 2019 sen que chegara a materializarse.

Compartir: