Inicio Carballo ao día Novas As obras de abastecemento a Razo centraranse nos...

As obras de abastecemento a Razo centraranse nos ramais durante o mes de agosto para non afectar aos accesos á praia

A empresa construtora ten moi avanzada a rede principal despois de traballar nas últimas semanas a un ritmo de instalación de 70 metros de tubaxes ao día

Mércores 31 de xullo do 2019

O alcalde e os concelleiros Juan Seoane e Luis Lamas visitaron as obras

O alcalde e os concelleiros Juan Seoane e Luis Lamas visitaron as obras

Dende hai xa varias semanas estase a traballar na rede de abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo. As molestias son mínimas e as gabias ábrense e péchanse con tanta actividade que parece mentira que se estea realizando a obra de maior contía executada polo Concello de Carballo sen axuda de ningunha outra Administración. Pero así é. O proxecto, cun orzamento de case 1,7 millóns de euros, foi adxudicado por algo máis de 1,2 á empresa local Construcciones Ramón Vázquez y Reino, o que tamén demostra o alto nivel de Carballo no sector da construción.

Aínda que as repercusións dos traballos no tráfico son moi poucas, durante o mes vacacional por excelencia deixarase de traballar na canalización ao longo da estrada provincial Carballo-Razo, para eliminar calquera posible incidencia nos accesos á praia. A rede principal, de todos os xeitos, está moi avanzada, xa que o equipo que traballa na obra está instalando unha media de 70 metros de tubaxes ao día e quedan, aproximadamente, uns 1.000 metros pendentes. O mes de agosto aproveitarase para executar os distintos ramais secundarios, e xa en setembro regresará a actividade á canalización principal e tamén se empezará a traballar no propio núcleo de Razo, segundo as previsións da empresa.

O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas, e Mobilidade, Juan Seoane, achegáronse ata as obras, para ver como se van desenvolvendo.

A rede de abastecemento arranca do polígono industrial de Bértoa en dirección a Oza, onde chegará aos lugares das Encrucilladas, Vilar do Carballo, Oza Vella, As Torres e O Rodo. Neste punto conectará coa rede existente e quedará preparada a futura conexión para estender o servizo á parroquia de Cances. Xa na parroquia de Razo aproveitaranse as canalizacións incluídas tanto nas obras de saneamento de Vilar de Cidre coma nas de pavimentación de Nétoma para levar o abastecemento a estes dous núcleos. A maiores, a rede estenderase a toda a zona de Razo da Costa, Santa Mariña e Arnados. Dende aquí partirá a conexión principal para o próximo subministro a Lema, previsto nos orzamentos deste ano 2019, para completar nos seguintes anos a zona de Baldaio.

Compartir: