Inicio Carballo ao día Novas Carballo consolida as 42 doazóns de sangue...

CAMPAÑA ESPECIAL DE DOAZÓN DE SANGUE DO 1 AO 3 DE AGOSTO

Carballo consolida as 42 doazóns de sangue por cada mil habitantes e márcase o reto de aumentar esta boa cifra

A directora de ADOS, o alcalde e o coordinador do Servizo Municipal de Protección Civil presentaron a campaña, que se difundirá dun xeito especial nas praias

Luns 29 de xullo do 2019

A presentación da campaña tivo lugar hoxe no Concello

A presentación da campaña tivo lugar hoxe no Concello

Se fuches á praia nos últimos días, seguramente verías os carteis ou escoitarías unha mensaxe a través da megafonía convidándote a doar sangue. Estas dúas accións forman parte da campaña extraordinaria de agosto, na que, un ano máis, a Unidade de Salvamento Acuático e o Servizo Municipal de Protección Civil reforzan a colaboración permanente entre a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Concello de Carballo.

Javier Souto: "Un ano máis estamos aquí para salvar vidas, porque doar sangue salva vidas"

Ademais de dar exemplo acudindo a doar do 1 ao 3 de agosto, os/as integrantes do equipo de Protección Civil serán os/as encargados/as de convidarte a que o fagas ti tamén. Por iso, o coordinador do servizo municipal, Javier Souto, participou na presentación da campaña xunto ao alcalde, Evencio Ferrero, e á directora de ADOS, Marisa López, e insistiu na importancia de que todas e todos nos sumemos a un xesto solidario “que salva vidas”.

Marisa López: "O verán é unha época cunha dificultade engadida, porque hai moitos desprazamentos e iso complica o labor programado"

Carballo é un concello solidario, e a directora de ADOS deu cifras que o corroboran. No ano 2018 volvemos a acadar a taxa de 42 doazóns por cada mil habitantes, superando deste xeito a media galega e cumprindo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). “Isto debe ser un motivo de orgullo para os veciños e as veciñas de Carballo”, sinalou Marisa López, ademais de agradecer non só a colaboración continuada do Concello, senón tamén do IES Monte Neme e de Conservas Calvo, dous puntos que tamén reciben a visita periódica da unidade móbil.

O verán, como lembrou a directora de ADOS, é unha época “cunha dificultade engadida” para conseguir manter as reservas de sangue. Por iso, e porque as cifras deste ano revelan “un pequeno repunte e motivos para ser optimistas”, tanto Marisa López coma Evencio Ferrero fixeron un chamamento a seguir mellorando o índice de doazóns no noso concello dende esta mesma campaña de agosto. A estas alturas do ano lévanse rexistradas 753 doazóns no noso concello, 30 máis que o ano pasado, e hai 47 doadores/as máis, superando tamén os 35 do 2018 por esta época.

Evencio Ferrero: "Doar sangue é un xesto altruísta e solidario pero tamén necesario, porque o sangue non se pode fabricar"

“É importante estar nas taxas de doazón recomendadas _sinalou o alcalde_. Levamos anos cumprindo, pero estaría ben ir superándoas. Carballo é un concello solidario, e a esa solidariedade chamamos. A doazón de sangue é un xesto altruísta e solidario, pero tamén necesario, porque o sangue non se pode fabricar”, rematou Evencio Ferrero.

Para cumprir ese obxectivo convidámoste a participar nesta campaña extraordinaria, que se desenvolverá do 1 ao 3 de agosto. O xoves e o venres a unidade móbil estará instalada na Praza do Concello de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas, mentres que o sábado o horario será de 10.00 a 15.00.

Compartir: