Inicio Carballo ao día Novas O modelo colaborativo entre o Concello de...

MAÑÁ SÁBADO, INAUGURACIÓN EN ALBORÍN

O modelo colaborativo entre o Concello de Carballo e a veciñanza esténdese ás parroquias de Rus e Sísamo

A participación ao 50% permitiu adquirir unha finca en cada parroquia para usos comunitarios

Venres 12 de xullo do 2019

Evencio Ferrero e Luis Lamas, con varios veciños de Alborín

Evencio Ferrero e Luis Lamas, con varios veciños de Alborín

O modelo establecido polo Concello de Carballo para a consecución de solo para equipamentos na zona rural segue a dar moi bos resultados, e temos dúas novas mostras nas parroquias de Rus e Sísamo.

Belén Lendoiro, Evencio Ferrero e Luis Lamas, na parcela de Sísamo

Belén Lendoiro, Evencio Ferrero e Luis Lamas, na parcela de Sísamo

Nesta última vimos de adquirir unha parcela de 1.481 metros cadrados nas inmediacións do conxunto parroquial que se destinará, principalmente, a aparcamento, pero que tamén terá outros usos comunitarios. A finca foi adquirida mediante concurso público a un prezo de 27,01 metros cadrados, polo que o investimento acadou os 40.000 euros, financiados a partes iguais entre o Concello de Carballo e a veciñanza. O novo espazo público está en proceso de acondicionamento, como comprobaron o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Luis Lamas e Belén Lendoiro nunha visita.

Alborín

O mesmo sistema de adquisición utilizouse na parroquia de Rus para conseguir un aparcamento a carón do complexo parroquial de San Xosé de Alborín. A igrexa abriu ao culto o 19 de marzo de 1995, e a iniciativa da súa construción tamén foi veciñal. Agora os habitantes da contorna volveron a implicarse para solucionar o problema de estacionamento, pero a finca é tan grande (10.382 metros cadrados) que permite ademais gozar dunha zona arborada que incrementa as posibilidades de aproveitamento do espazo. De feito, a veciñanza xa ten varias ideas en mente.

Cemiterio de Alborín

Cemiterio de Alborín coa herba empezando a nacer

Unha persoa decisiva na consecución deste novo equipamento público para Alborín e a contorna foi Manuel Varela Rodríguez, un veciño do lugar que xa tivo moito que ver co acondicionamento da capela de San Sadurniño e que nos últimos dous meses practicamente vive no cemiterio de Alborín. “Botei máis horas aquí que na casa”, di. Manuel Varela buscou o terreo, pediu polas casas e empeñouse en deixar o conxunto parroquial coma unha patena. Ademais de pintar a igrexa e o muro, dedicouse sobre todo a arranxar o camposanto. “Estaba moi abandonado, cheo de silvas e toxos”, pero en pouco máis de dous meses parece outro, como puideron comprobar o alcalde e Luis Lamas e como poderán comprobar mañá todas as persoas que se acheguen ata Alborín.

En cada casa aportaron 100 euros por panteón para o arranxo do cemiterio e 70 para a adquisición do terreo. Mañá sábado celebrarán o albaroque da obra con misa ás 12.00 horas, sesión vermú e un xantar popular a base de polbo e churrasco para o que xa están anotadas 254 persoas. A festa vai ser boa!

Compartir: