Inicio Carballo ao día Novas A Concellaría de Igualdade e Benestar pon...

EN CARBALLO, AGRESIÓNS 0’0

A Concellaría de Igualdade e Benestar pon en marcha durante as festas unha nova campaña contra a violencia sexual

O obxectivo é sensibilizar á mocidade contra o acoso e as agresións sexuais e a favor dun consumo responsable de alcohol

Xoves 20 de xuño do 2019

A Concellaría de Igualdade e Benestar aproveita as festas de San Xoán para lanzar unha nova campaña orientada a sensibilizar á mocidade contra o acoso e as agresións sexuais, por unha banda, e a favor dun consumo responsable de alcohol, por outra. Froito da unión desas dúas mensaxes, o lema nesta ocasión é “Carballo en festas, agresións 0’0”. Aínda que a iniciativa arranca agora, o obxectivo é estendela a todo o ano e a diferentes ámbitos, convidando a sumarse tanto ás comisións de festas de barrios e parroquias coma aos empresarios/as do sector do ocio nocturno. Os/as interesados poderán solicitar a cartelería específica.

A campaña forma parte do amplo e variado programa de accións que desenvolve a Concellaría de Igualdade e Benestar a través do Centro de Información á Muller (CIM) para o fomento da igualdade e contra a violencia machista. “O obxectivo é lanzar un reto ás mozas e aos mozos para que aproveiten os momentos de ocio e diversión ao máximo, pero sempre con respecto e sen necesidade de consumir alcohol en exceso para pasalo ben”, sinala a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures.

A preocupante escalada de actos sexistas que se veñen producindo en grandes eventos en todo o Estado, amparada no ambiente festivo e nos excesos, tense convertido en motivo de reivindicación social. O Concello de Carballo súmase de novo ás iniciativas que están a desenvolver municipios de todo o país para evitar ese tipo de condutas. Para achegar a mensaxe á mocidade, os días 24 e 25 instalarase un stand na rúa Desiderio Varela, en horario de 22.00 a 01.30, no que se repartirán chapas, pulseiras e outro material identificativo da campaña. A iniciativa repetirase o 29, coincidindo co Rockin’ Carballo.

Compartir: