Inicio Carballo ao día Avisos Xa está á venda a revista do San...

Xa está á venda a revista do San Xoán na Biblioteca Rego da Balsa

Sábado 8 de xuño do 2019

A Asociación Cultural San Xoán xa comezou a distribución da revista das festas entre os preto de 300 establecementos colaboradores que fan posible a súa publicación, e a partir do luns estará a disposición de todo o público interesado na Biblioteca Rego da Balsa ao seu prezo habitual de 2 euros.

O cartel de Cervo, gañador do concurso anual que convoca a comisión, ilustra a portada da publicación, que ao longo de preto de 200 páxinas debulla algúns dos aspectos máis destacados do programa, entre eles o Rockin’, os concertos de Mikel Erentxun e Blas Cantó, os concursos -para os cales sigue aberto o prazo de inscrición- ou a Classic Car, que xa se celebra mañá domingo. Pero a diferenciación da revista do San Xoán reside nas achegas de multitude de colaboradores a través de artigos históricos, de actualidade ou sobre etnografía, de ilustracións ou de fotografías.

A concelleira de Festas, Mar Eirís, e a presidenta da Asociación Cultural San Xoán, María José Souto, que estiveron acompañadas por Inés Rodríguez na presentación da revista, queren recoñecer, un ano máis, a participación desinteresada dos autores e autoras dos artigos que tanto enriquecen a publicación. Así mesmo, agradece a colaboración das empresas que fan posible que a revista poida estar a disposición dos carballeses e carballesas.

Compartir: