Inicio Carballo ao día Novas Volve Carballo por Etapas para convidarte a unha...

Volve Carballo por Etapas para convidarte a unha viaxe polo mellor da nosa gastronomía en 17 etapas

O tren da ruta carballesa, que presentamos hoxe na Casa do Concello, fará a súa saída este venres 24

Luns 20 de maio do 2019

Organizadores, participantes e patrocinadores asistiron á presentación

Organizadores, participantes e patrocinadores asistiron á presentación

Carballo por Etapas cumpre sete anos levando o mellor da gastronomía local aos padais de centos de veciños e visitantes que acoden aos bares, tascas e restaurantes da vila para gozar dos nosos produtos. Por 2 euros a tapa poderemos probar as delicias do mar con bacallau, gambóns, polvo, mexillóns, chipiróns ou atún Calvo, e da terra con solombo de porco, polo, vaca, verduras frescas, xamón ou as nosas saborosas patacas, entre outros moitos manxares.

Este ano son 17 os locais hostaleiros que se animaron participar nesta ruta gastronómica: A Barra Bar, A Nova Ferradora, A Nova Tasca, Ánfora, Cafetería Habanos 79, Cervecería Ágora, Cervecería A Tapería, Korner Carballo, Mesón A Cabaña, Mesón As Viandas, Oasis Restaurante-Vinoteca, O’Burato 26 Marisquería, Restaurante A Esmorga, Restaurante Mesón do Pulpo, Restaurante Vinoteca A de Pako, Taberna O Mexillón e Trattoría Pizzeria Vesuvio. Representantes destes locais estiveron na presentación da iniciativa, na que tamén participaron colaboradores e patrocinadores, así como o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira.

Dúas tapas en cada local

Quen se achegue a Carballo por Etapas poderá escoller entre dúas tapas en cada local cada fin de semana. Na primeira, unha delas terá como ingrediente o atún, xa que Calvo volve a colaborar achegando conserva para a elaboración das tapas. E o menú con todas estará no Facebook de Carballo por Etapas para que poidades escoller: https://www.facebook.com/carballoporetapas/.

Ademais, con cada tapa recibirás un rasca co que poderás obter premios directos: camisetas, libretas, bolígrafos, xogos de seis copas de viño cedidos por Proquiber, botellas de viño magnum cortesía de Distribuciones Cotelo e Bodegas Carballo ou outra tapa no mesmo local para poder seguir gozando da comida.

Por último, de novo e grazas á colaboración do Concello de Cabana de Bergantiños, haberá un tren percorrendo a ruta durante os días de Carballo por Etapas, con paradas diante de todos os bares participantes. O tren circulará os venres 24 e 31 de maio de 19.00 a 21.00 horas e o resto dos días de 12.00 a 13.30 h. (excepto o domingo 26 que non circulará pola mañá) e de 18.00 a 21.00 h. O punto de saída será a rúa Desiderio Varela cunha frecuencia de 30 minutos, aproximadamente.

Datas: 24, 25, 26 e 31 de maio e o 1 e 2 de xuño, dúas fins de semana consecutivas de venres a domingo.

Horarios: venres de 20.00 a 22.00 e sábados e domingos de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00.

Compartir: