Inicio Carballo ao día Novas As praias de Razo, Baldaio-Saíñas e...

As praias de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal renovan as bandeiras azuis, que se suman aos certificados ambientais

A Asociación de Educación Ambiental fixo pública hoxe a concesión dos distintivos

Martes 7 de maio do 2019

Bandeira Azul na praia das Saíñas

Bandeira Azul na praia das Saíñas

Este verán volverán a ondear tres bandeiras azuis no litoral carballés, nas praias de Baldaio-Saíñas, Pedra do Sal e Razo. A boa nova chegou hoxe. O concelleiro de Praias, Miguel Vales, expresou a súa satisfacción pola renovación dos distintivos e insistiu no compromiso do Concello de Carballo co desenvolvemento sostible dunha área tan sensible coma a costa.

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) deu a coñecer hoxe a listaxe de praias con bandeira azul, que ten como principal obxectivo estimular o cumprimento da Directiva de Calidade de Augas de Baño da UE. Pero, ademais deste, a Concellaría de Praias de Carballo ten como principal obxectivo a procura da excelencia en todos os parámetros que determinan a calidade dos servizos que se prestan no noso litoral. Nesa liña enmárcase a implantación dun sistema informático que facilita os controis de calidade que realizamos a diario nas praias de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, grazas aos cales conseguimos renovar tanto o certificado ISO 14001 coma o EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que está considerado como o máis prestixioso da UE.

O departamento que dirixe Miguel Vales ten implantado un sistema de xestión ambiental desde o ano 2014, de cuxo seguimento se encarga un órgano xestor e que ten como principal obxectivo converter as praias carballesas nun referente paisaxístico sostible co medio ambiente. Ao mesmo tempo seguimos a traballar noutros aspectos relacionados coa protección do medio costeiro e dos seus usuarios e usuarias, coma a instalación de lombos nas vías de acceso para reducir a velocidade dos vehículos, ou a rede de abastecemento de auga que se está executando nestes momentos co investimento “máis importante que fixo nunca o Concello de Carballo sen axuda doutras administracións”, tal como lembrou o alcalde, Evencio Ferrero.

Compartir: