Inicio Carballo ao día Novas Asinados os contratos das obras de asfaltado de...

Asinados os contratos das obras de asfaltado de accesos a vivendas nas 18 parroquias e reurbanización da contorna do Fórum

O Concello de Carballo realizará un investimento de 811.462 euros entre os dous proxectos

Martes 23 de abril do 2019

Sinatura do contrato dos accesos a vivendas

Sinatura do contrato dos accesos a vivendas

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe os contratos correspondentes ás obras de asfaltado de accesos a vivendas e reurbanización da contorna do Fórum, que serán executados polas empresas Construcciones Vázquez y Reino e Construcciones López Cao, respectivamente, e que suporán un investimento total de 811.462,30 euros.

As obras de asfaltado de accesos a vivendas, explotacións e parcelas de uso público realizaranse nas 18 parroquias. O investimento acada os 432.091 euros e o prazo de execución será de tres meses. O proxecto consiste na dotación dunha nova capa de rodaxe en 72 treitos de distintas lonxitudes e anchos. En total serán pavimentados máis de 12 quilómetros de pistas, cunha superficie de 43.693,84 metros cadrados. Agás en dous casos, nos que se aplicará dobre rego, en todas as vías está prevista a aplicación dunha capa de rodaxe de 5 centímetros de espesor.

Sinatura do contrato das obras da contorna do Fórum

Sinatura do contrato das obras da contorna do Fórum

A reurbanización da contorna do Fórum Carballo suporá un investimento de 379.371,30 euros. O proxecto inclúe a renovación de instalacións e infraestruturas urbanas, resolvendo as deficiencias dos servizos urbanísticos existentes, e a mellora da accesibilidade e a seguridade viaria mediante a reordenación dos espazos e a renovación de pavimentos en dous treitos: a rúa Xílgaro, dende o cruce coa avenida da Milagrosa ata a rotonda con Luís Braille e dende este punto ata o entronque coas rúas Campo da Feira e Fotógrafo José Vidal, e as rúas Luís Braille e Enxeñeiro Barreira. Ao mesmo tempo, as obras están concibidas para mellorar as condicións de celebración da feira.

As rúas Xílgaro e Luís Braille serán de dirección única, con aparcamento en ámbalas dúas marxes e zonas peonís máis amplas que incluirán, ademais, vexetación para darlle certa continuidade á rede verde entre o Parque da Milagrosa e a contorna menos consolidada. O corredor peonil cuberto que discorre baixo os soportais edificados será renovado para integralo no espazo e crearase espazos verdes que integrarán, ademais, o mobiliario fabricado polo alumnado do obradoiro de emprego de carpintería. O prazo de execución será de 22 semanas.

Compartir: