Inicio Carballo ao día Novas As obras de aglomerado das vías...

As obras de aglomerado das vías Mirón-Oza, Bolón-A Gándara e A Ponte-O Moucho están practicamente rematadas

Tamén están en marcha os traballos na vía Lema-A Vixía, que antes do novo pavimento inclúen a instalación de redes de auga e saneamento

Martes 16 de abril do 2019

Evencio Ferrero e Luis Lamas, cun veciño da rúa Abetos

Evencio Ferrero e Luis Lamas, cun veciño da rúa Abetos

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, visitaron hoxe as obras de aglomerado da rúa Abetos, que comunica as parroquias de Bértoa e Oza. Con esta actuación, que previsiblemente quedará lista mañá, rematarán os tres proxectos adxudicados á empresa Lancer Proyectos y Obras, posto que os aglomeados dende A Ponte de Bértoa ata O Moucho de Berdillo e dende Bolón á Gándara (acceso ao colexio de Sofán) xa están listos. Unha vez rematen todos procederase ao pintado e a sinalización. O Concello de Carballo está a realizar, en total, un investimento de 326.227 euros para acometer tres importantes proxectos solicitados pola veciñanza a través dos consellos parroquiais.

O acceso ao colexio de Sofán tamén está listo

O acceso ao colexio de Sofán tamén está listo

Tamén están en marcha, aínda que nunha fase inicial, as obras de acondicionamento da estrada que vai dende o Igrexario de Lema ata A Vixía, adxudicadas á empresa Construcciones López Cao por 206.728,50 euros. Neste caso, ademais de mellorar a vía cunha capa de aglomerado, o proxecto que se elaborou na Oficina Técnica Municipal inclúe a instalación de redes de saneamento e agua, neste último caso para deixar listos os ramais precisos para a futura traída municipal, evitando así ter que romper e repoñer o pavimento cando se acometan as obras de abastecemento. Nos últimos días puxéronse en marcha os traballos de limpeza e desmonte, e para a semana que vén está previsto comezar co saneamento.

Compartir: