Inicio Carballo ao día Novas Asinado o contrato das obras de abastecemento de...

Asinado o contrato das obras de abastecemento de auga a Oza e Razo, que empezarán en breve

O proxecto, no que investiremos 1.226.456 euros, prevé as futuras extensións do servizo cara Baldaio, por un lado, e Cances, polo outro

Mércores 27 de marzo do 2019

A sinatura do contrato realizouse na Alcaldía

A sinatura do contrato realizouse na Alcaldía

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe coa empresa local Construcciones Ramón Vázquez y Reino o contrato para a execución das obras de abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo, nas que investiremos 1.226.456 euros procedentes na súa totalidade dos recursos municipais. Esta será, de feito, a obra de maior importe executada polo Concello de Carballo sen axuda de ningunha outra Administración. Na sinatura do contrato tamén estivo presente a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro.

A intención tanto do goberno municipal de Carballo coma da empresa construtora é iniciar os traballos o antes posible, polo que moi pronto empezarán a verse obras. A rede de abastecemento arrancará do polígono industrial de Bértoa en dirección a Oza, onde chegará aos lugares das Encrucilladas, Vilar do Carballo, Oza Vella, As Torres e O Rodo. Neste punto conectará coa rede existente e quedará preparada a futura conexión para estender o servizo á parroquia de Cances.

Xa na parroquia de Razo aproveitaranse as canalizacións incluídas tanto nas obras de saneamento de Vilar de Cidre coma nas de pavimentación de Nétoma para levar o abastecemento a estes dous núcleos. A maiores, a rede estenderase a toda a zona de Razo da Costa, Santa Mariña e Arnados. Dende aquí partirá a conexión principal para o próximo subministro a Lema, previsto nos orzamentos deste ano 2019, para completar nos seguintes anos a zona de Baldaio.

Compartir: