Inicio Carballo ao día Novas Carballo acollerá a partir do 6 de marzo...

MÁIS INFORMACIÓN NO 881 960 441

Carballo acollerá a partir do 6 de marzo unha nova Lanzadeira de Emprego para desempregados/as de 18 a 60 anos

As persoas interesadas en participar poden inscribirse na oficina do Servizo Público de Emprego, situada na planta baixa do edificio administrativo do Fórum

Martes 19 de febreiro do 2019

Participantes na primeira Lanzadeira de Emprego

Participantes na primeira Lanzadeira de Emprego

A II Lanzadeira de Emprego de Carballo comezará a funcionar en marzo e terá 20 prazas, destinadas a homes e mulleres en situación de desemprego con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos. Poderán participar persoas con calquera nivel formativo (sen estudos, Graduado Escolar, ESO, Formación Profesional, Bacharelato ou estudos universitarios), e procedentes de calquera sector laboral, con ou sen experiencia previa. Con iso perséguese configurar un equipo o máis variado e heteroxéneo posible para que entre os seus integrantes non exista competencia á hora de buscar traballo, senón que compartan coñecementos e experiencias, e aposten por unha cultura colaborativa para impulsar o seu acceso ao mercado laboral.

As 20 persoas que resulten seleccionadas reuniranse varios días á semana en locais cedidos gratuitamente polo Concello de Carballo

As 20 persoas que resulten seleccionadas reuniranse varios días á semana en locais cedidos gratuitamente polo Concello de Carballo. Coa guía e orientación dun técnico especializado da Fundación Santa María a Real levarán a cabo diversas actividades para optimizar a súa procura de traballo: talleres de autocoñecemento e intelixencia emocional para aprender a facer un plan de procura de traballo e enfocar o seu obxectivo; actualización e modernización de currículos; simulacións de entrevistas de traballo e procesos de selección grupal. Ademais, aprenderán novas técnicas de comunicación, márketing e marca persoal; elaborarán un mapa de empregabilidade, realizarán visitas a empresas e organizarán encontros con recrutadores e expertos para lograr a súa inserción laboral.

A lanzadeira non é unha axencia de colocación onde se dá traballo aos participantes. É un programa intensivo para orientar a persoas desempregadas a activar e optimizar a súa procura de traballo no mercado actual, con novas técnicas que lles permiten gañar confianza e seguridade nas entrevistas, e con novas actividades que lles achegan ao tecido empresarial. Con este esquema funcionaron máis de 500 lanzadeiras de emprego por todo o país, con máis de 11.000 participantes, dos que o 60% modificaron e melloraron a súa situación laboral.

As persoas interesadas en participar no programa, de carácter gratuíto e voluntario, dispoñen ata o 6 de marzo para inscribirse aquí ou en formato presencial, solicitando, enchendo e entregando o correspondente formulario de inscrición na Oficina do Servizo Público de Emprego, situado na planta baixa do edificio administrativo do Fórum Carballo, en horario de 9 a 14 horas. Tamén poderán solicitar información adicional no teléfono 881 960 441.

Compartir: